Nota de Prensa
O GRUPO PROVINCIAL DO BNG DE LUGO AFIRMA QUE É O PP QUEN TEN QUE BUSCAR SOLUCIÓNS AOS PROBLEMAS DE BARREIROS POR SER, IGUAL QUE NO CASO DE RINLO, QUEN PROVOCOU ESTA SITUACIÓN
Desde o Grupo Provincial do BNG lembrouse que foi o PP quen permitiu as desfeitas que agora padecemos coa súa irresponsabilidade no goberno municipal de Barreiros
O PP pretende silenciar a súa irresponsabilidade igual que no caso da planta acuícola de Rinlo, asunto polo que onte declaraba por supostas prevaricacións urbanísticas e medioambientais Álvarez-Campana
Lugo, 4 de maio de 2010. O Grupo Provincial do Bloque Nacionalista Galego de Lugo quixo facer pública esta mesma mañá a súa sorpresa polas declaracións do grupo provincial do PP nas que se lle reclama unha solución aos nacionalistas para o problema do urbanismo de Barreiros. Desde o BNG percíbese unha intención de desviar a atención dos medios por parte do PP, facendo estas declaracións na prensa no mesmo día no que Álvarez-Campana (actual presidente de Portos de Galicia e director xeral de Avaliación e Calidade Ambiental do PP de Fraga) tiña que prestar declaracións nos xulgados por supostos delitos de prevaricación urbanística e prevaricación medioambiental por aprobar a declaración de impacto ambiental para favorecer a instalación en Rinlo da factoría acuícola de Álvarez Cascos. Neste sentido, o BNG afirmou que é o PP quen ten que dar explicacións tanto no caso de Rinlo coma no de Barreiros, xa que é baixo a súa responsabilidade cando se producen as desfeitas que hoxe padece a mariña lucense.
Para o BNG resulta tremendamente inxusto (e por iso non deu a súa aprobación ao plan do convenio subscrito entre a Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e o Concello de Barreiros para realizar os servizos básicos de auga, alcantarillado e demais) que agora haxa que amañar con cartos públicos unha situación que veu motivada por unha irresponsabilidade do goberno municipal do PP de Barreiros, quen non esixiu no seu momento as obrigas para que os promotores aportasen o financiamento dos servizos necesarios para as edificacións e ademais foi concedendo as licenzas para obrar nin tampouco agardou ás resolucións dos contenciosos que había interpostos.
Desde o Grupo Provincial do BNG afírmase que a solución pasa por facer as cousas ben e que aporte o diñeiro quen neste caso o debe aportar, o promotores inmobiliarios. Neste sentido, o BNG dubida da capacidade terá o Concello de Barreiros para aportar, ou recabar dos promotores, os 7 millóns de euros que debe aportar para ese convenio “de rescate” asinado entre as tres administracións (segundo o que deberían aportar aprox. 5.6 millóns de euros a Xunta, 1.2 millóns a Deputación e 7 millóns o concello de Barreiros, en teoría provintes da contribución dos promotores). Como exemplo, o BNG lembrou que en 2006, logo da sinatura do convenio entre o Concello e promotores para o abastecemento da auga de Barreiros cifrado en 3.6 millóns de euros, o concello de Barreiros só conseguiu recadar 1.2 millóns dunha parte dos promotores inmobiliarios, polo que pretender agora recadar 7 millóns de euros dos promotores para este convenio “de rescate” parece, a primeira vista, unha cousa imposible.
Pero ademais, o Grupo Provincial do BNG afirma que estas dúbidas sobre a viabilidade do convenio planean sobre os asinantes por parte da Xunta de Galiza, o presidente Núñez Feijóo e o conselleiro Agustín Hernández, quen en declaracións aparecidas días atrás nos medios non vacilan ao afirmar que no caso de que a parte correspondente aos promotores e concello non sexa integramente aportada, a Xunta será a primeira en botarse atrás e anular o convenio.
Por todas estas razóns, o Grupo Provincial do BNG reclamou por parte do PP unha responsabilidade á hora de tomar decisións que non está a ter e que esixa dos promotores inmobiliarios, que son quen vai sacar proveito económico, que aporten os cartos que son necesarios para a construción dos servizos básicos esixibles, de xeito que non teña que ser con cartos públicos como se sufrague este problema derivado da incompetencia do PP no goberno. Ademais, o BNG lembra que constitúe unha inxustiza para outros sectores produtivos galegos, que empregan a moita xente e son vitais para economía do país como o sector lácteo, que agora se formule un plan de choque para solucionar o papel dos promotores derivado da mala xestión do PP, mentres que ese sectores produtivos propios do país permanecen esquecidos e sen investimentos por parte da Xunta de Galiza para reactivalos e sacalos da crise profunda na que se atopan.