Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG demanda no Parlamento que o IGAPE abra liñas de axuda para autónomos da Mariña

NOTA DE PRENSA:
Os nacionalistas demandan no Parlamento que o IGAPE abra unha liña de axuda para os autónomos da Mariña.

A Mariña Central e Oriental encabezan a destrucción do emprego autónomo en Galiza.

O Bloque Nacionalista Galego vai presentar unha proposición non de lei no Parlamento de Galiza no que solicita un Plano de Apoio aos autónomos da Mariña, criando dentro do IGAPE liñas específicas de financiamento para circulante e restruturación de pasivos que permita o acceso dos mesmos ao crédito.

Dados alarmantes sobre destrucción de emprego no sector dos autónomos

A proposta dos nacionalistas atende aos dados que ven de facer públicos o Observatorio polo Emprego dependente do Ministerio de Traballo e Asociación Española de Traballadores Autónomos nos que se afirma que destrucción de empregos entre aqueles que cotizan no Réxime Especial Autónomo equiparouse en Galiza á media do Estado, situándose á cabeza da primeira Lugo e dentro desta A Mariña Oriental e A Mariña Central. Tanto é así que segundo afirmou Antonio Veiga, responsábel comarcal nacionalista “ no último ano na provincia de Lugo cesaron na súa actividade máis de 6000 autónomos, a metade dos cales se concentran nas tres comarcas da Mariña”.

O portavoz nacionalista afirmou “que a crise cebouse de xeito moi particular con este colectivo, destacando a desaparición do emprego no sector comercial e da hostalería, como consecuencia da caída do consumo, así como aquelas persoas que desenvolvían a súa actividade en ocupación relacionadas co sector da construcción e da promoción inmobiliaria” para continuar afirmando que “a razón central que explica estes dados son os problemas de liquidez que tiveron que enfrontar os autónomos ao cortarse a billa do crédito e non responder os organismos públicos a solventar esta situación para xerar circulante que permitise que a actividade continuase”.

Os compromisos electorais de Balseiro unha vez mais papel mollado para A Mariña

Os nacionalistas mostráronse particularmente críticos co PP e co seu Deputado Xosé Manuel Balseiro quen afirmara na campaña das autonómicas que a primeira medida do Goberno Popular ía ser a posta en marcha dun plano de choque de apoio a este colectivo. “Levamos agardando que o PP puxera en marcha este Plano, e a día de hoxe, cando A Mariña se coloca en termos porcentuais á cabeza de destrucción de emprego neste réxime, o PP está desaparecido. Non é de recibo que o Goberno da Xunta non poña en marcha medidas que alivien a situación deste colectivo, por iso agardamos que os populares e particularmente Balseiro, se mollen no Parlamento en defensa da Mariña”, afirmou Veiga.

O Portavoz do BNG lembrou que este sector ocupa un número importante de persoas na provincia, con máis de 30.000 persoas de alta neste réxime, ate o punto, de que só no sector comercial e da hostalería o número de establecementos supera os 10.000 en Lugo representando máis do 15 do PIB da Provincia.

A Xunta de Galiza con competencias que debe asumir e executar

O Bloque Nacionalista Galego partindo de que é a Xunta de Galiza quen ten as competencias plenas en materia de comercio e de hostalería e que a súa vez conta con instrumentos financeiros que permiten bombear crédito ao tecido produtivo, demanda un cambio de actitude por parte da mesma e xa que logo unha acción decidida por parte da Xunta de Galiza de apoio ao sector dos autónomos. Asemade consideramos fundamental que no seu ámbito competencial é necesario tamén que cumpra e obrigue ao cumprimento do establecido na lexislación , no referido ao cumprimento do prazo dos pagos a fin de quen os autónomos non operen como auténticas financeiras e as administracións públicas e a propia empresa privada lle transfira a estes a súa falta de liquidez

.

Exit mobile version