Nota de Prensa
O BNG DE FOZ PRESENTA UNHA MOCIÓN EN CONTRA DOS RECORTES SOCIAIS APROBADOS POLO GOBERNO DO ESTADO
Basanta espera que o Pleno da Corporación estea ao lado das persoas e non dos mercados e dos partidos que defenden as súas políticas
Foz, 24 de maio de 2010.- O BNG de Foz presentou unha moción, para tratar no Pleno deste mes, en contra das medidas que en materia de política económica fixo públicas o goberno do Estado o pasado 20 de maio e que se concretan, entre outros aspectos, na conxelación das pensións contributivas para 2011, na reducción do salario dos funcionarios e funcionarias nun 5%, na negativa a que se cobre retroactivamente as axudas establecidas na Lei da Dependencia e na supresión do cheque-bebé. O portavoz municipal, González Basanta, espera “que a Corporación de Foz estea ao lado das persoas e non dos mercados financeiros e dos que defenden as súas políticas”.
A medida da tomadas máis gravosa para Galiza é a decisión de conxelar en 2011 as pensións contributivas xa que e as pensións galegas xa son as máis baixas do Estado (en Lugo a media está nos 638 euros cando a media estatal está nos 880 euros). A reducción salarial aos funcionarios e funcionarias é unha medida demagóxica, na liña de que non todos os traballadores e traballadoras da función pública teñen o mesmo salario, non pasando moitos deles dos 700 euros e non superando o 53% deles os 1.000 euros mensuais. As políticas de apoio á natalidade como o cheque-bebé, con independencia da necesidade da súa revisión en base a criterios de progresividade e de renda, son necesarias se atendemos aos problemas demográficos e á necesidade de impulsar a natalidade nun pais como Galiza cunha poboación das máis envellecidas do Estado. Tamén son especialmente negativas o resto de medidas, nomeadamente a supresión da retroactividade no pago das axudas á dependencia, o que significa a alteración mesmo da normativa pola que se aprobou esta lei.
Basanta considera que todas estas medidas son medidas que significan claros recortes sociais e diminúen o poder adquisitivo da maioría da poboación, e polo tanto reducen o seu poder de compra, o que vai dificultar un aumento do consumo e da demanda interna que son fundamentais para saír da crise. Ademais, son medidas que responden a lóxica da dereita máis reaccionaria de pretender transferirlle o custo da crise económica as clases traballadoras e aos sectores sociais máis desfavorecidos economicamente, precisamente a aquelas persoas que non tiveron ningunha responsabilidade na crise que se está a vivir e que tampouco se beneficiaron do crecemento especulativo que provocou esta situación, deixando campantes aos verdadeiros culpables. Neste sentido afirmou que “o PSOE actúa como un partido de dereitas; só lle falta levar adiante a reforma laboral anunciada para facer exactamente o que faría o PP”
Para o BNG existen outras políticas que permitirían conter o déficit sen reducir prestacións nin servizos sociais como son a supresión da duplicidade nas administracións (Ministerios con competencias cedidas ás Comunidades Autónomas ou Deputacións Provinciais), reducción de gasto militar (300 m/€ anuais custaron as tropas en Afganistán no 2009) ou unha reforma fiscal máis xusta que grave a quen máis ten (restablecendo o Imposto do Patrimonio, loitando contra o fraude fiscal ou subindo o IRPF ás rendas máis altas).
Para o portavoz municipal, González Basanta, todas estas medidas antisociais aprobadas polo Goberno Zapatero son malas para Galiza e malas para os galegos porque van a provocar un maior distanciamento da renda dos galegos e galegas con respecto ao resto do Estado, se a esto ademais lle sumamos a inactividade da Xunta porque o Goberno Feijoo tamén é moi culpable de que Galiza sexa a comunidade onde máis medrou o paro no primeiro trimestre de 2010 (32.000 novos parados que representan unha suba do 19´1 % fronte ao 6,6% da media estatal) pola falta de políticas activas de emprego e o apoio aos sectores productivos do pais.