Nota de Prensa
O BNG DE FOZ SOLICITA A COBERTURA DAS VACACIÓNS DO PERSOAL MÉDICO NO CENTRO DE SAÚDE DURANTE OS MESES DE VERÁN
“A falta de médicos é só unha escusa para tapar os verdadeiros motivos da Xunta para deteriorar a sanidade pública” afirma Basanta
Foz, 15 de maio de 2010.- O BNG de Foz a través dunha moción en pleno vai a instar á Consellaría de Sanidade da Xunta de Galiza a que cubra as vacacións dos médicos de atención primaria do Centro de Saúde de Foz durante os meses de verán.
O BNG de Foz xa denunciara noutros anos a mesma circunstancia posto que leva a un evidente deterioro na atención médica debido ao sobredimensionamento de traballo dos médicos ao ter que atender o dobre de pacientes. Se a esto lle sumamos que en época estival a cantidade de persoas que necesitan atención sanitaria duplícase ou triplícase podemos sacar a conclusión de que a situación agravase moitísimo máis producíndose un auténtico colapso no Centro de Saúde.
O pasado mes de abril, saíu unha noticia preocupante nos medios de comunicación advertindo a estas alturas de ano que o Centro de Saúde de Foz quedaríase sen pediatra durante o mes de agosto ao coller vacacións a pediatra titular do centro. “Ë inaudito que unha Administración Pública anuncie publicamente que un servizo tan importante vai a quedar sen cubrir cando é a propia administración sanitaria a responsable de que esto ocorra e que en vez de buscar solucións declare a súa incompetencia desta maneira” declarou o responsable municipal, González Basanta.
É necesario, polo tanto, que a propia Consellaría resolva definitivamente este problema facendo as previsións necesarias para que se cubran todas as baixas que por motivo de vacacións se produzan durante o verán no centro sanitario de Foz. Desde o BNG a razón manida da falta de médicos non pode servir de xustificación dunha mala planificación por parte da Consellaría así como unha intención clara de deteriorar os servizos de atención primaria e aforrar en servizos sanitarios seguindo unha falsa política de austeridade por parte do PP na Xunta. Segundo Basanta, portavoz municipal, “a falta de médicos é só unha escusa para tapar as verdadeiras intencións do PP no goberno: o deterioro da sanidade pública e o desvío de pacientes á sanidade privada, verdadeira beneficiada das políticas do PP na Xunta”.
O primeiro que ten que facer o PP é cumprir co “Plano Mellora 2007-2011” aprobado pola Xunta de Galiza no anterior mandato onde se recollía entre outros aspectos que beneficiaban de xeito directo á nosa localidade o dotar ao Centro de Saúde dunha nova praza de médico e outra de ATS.