Nota de Prensa
O BNG INSTA Á CORPORACIÓN CERVENSE A DEMANDAR MELLORAS NA SANIDADE PRIMARIA
Demandará no pleno un impulso ao Plano Mellora na asistencia primaria para evitar o constante deterioro da asistencia sanitaria pública
No Centro de Saúde de San Cibrao falta unha praza de Persoal de Servizos Xerais(PSX) e no conxunto da comarca deberían cubrirse 21 prazas en diferentes categorías profesionais
Cervo, 13 de maio de 2010. O BNG demandará do pleno da corporación cervense a reclamación á Consellaría de Sanidade para avanzar na implantación na comarca da Mariña do Plan Mellora acordado polo anterior goberno bipartito con profesionais, sociedades científicas e sindicatos en 2007. Os nacionalistas consideran especialmente preocupante a situación sanitaria da Mariña e o deterioro que se está a sufrir na mesma polas medidas que está a tomar o actual goberno galego tanto na sanidade especializada co desmantelamento da actual área norte de saúde como na asistencia primaria onde se paralizou a implantación do Plano Mellora que nestes momentos ten sen cubrir no caso do Centro de Saúde de San Cibrao unha praza de P.S.X. e no cómputo total da Mariña faltarían un total de 21 profesionais.
No Centro de San Cibrao falta por cubrir unha praza e 21 no conxunto da comarca da Mariña
O BNG sumouse ás denuncias de pacientes do Centro de Saúde de San Cibrao pola falta de persoal do centro, “a Consellaría cando hai unha baixa acumula os pacientes a outros profesionais no canto de facer substitucións e faino por sistema” co cal “non se atende aos pacientes co nivel de calidade necesaria e prodúcense listas de espera.” Os nacionalistas ademais fan mención á falta dunha praza de Persoal de Servizos Xerais(PSX) que atende a tramitación de receitas e outros servizos de carácter administrativo que debería ser cuberta de non paralizarse o Plano Mellora acordado no 2007. De acordo con este Plano, paralizado pola actual Consellaría de Sanidade, no conxunto da comarca da Mariña sería necesario cubrir en asistencia primaria 10 prazas de ATS, 1 praza de PSX, 2 médicos, 2 prazas de hixienistas dentais, 2 prazas de farmacia, 1 de matrona e 2 de asistencia social.
Paralización do Plano Mellora e recortes nas substitucións de persoal provocando o incremento das listas de espera en atención primaria.
O “Plano Mellora” recollía entre outros aspectos que afectaban de xeito directo á nosa Comarca que ningún médico atendese a máis de 1250 TIS o que permitiría un maior tempo de atención ao paciente, que por cada facultativo houbese un ATS/DUE , e incrementar as prazas de persoal administrativo, así como a posibilidade de que nos centros de primaria se puideran realizar citoloxías para mulleres que non padeceran estas doenzas no pasado, dotar de retinógrafo a atención primaria, introducir a receita electrónica ou a execución de determinadas obras nos centros de saúde da Comarca. Os nacionalistas ademais denuncian que non só se incumpre o plano Mellora, senón que se está a agravar máis o caos sanitario co recorte drástico das substitucións do persoal o que provoca a sobrecarga de traballo e a listas de espera en Atención Primaria e tamén a precariedade laboral do persoal das listas de contratacións.
A Consellaría incumpre acordos para incrementar as posibilidades da atención primaria
O BNG denuncia que a Consellaría de Sanidade incumpre os compromisos adquiridos en febreiro de 2010 para incrementar as posibilidades da atención primaria, que se visualizan na falla de persoal en diferentes categorías profesionais nos centros de asistencia primaria, ademais do recorte nos orzamentos da Xunta destinados a este servizo, a pesar de que Galiza situase á cabeza do Estado como a comunidade que menos inviste en atención primaria como acaba de denunciar a Asociación Española de médicos de familia. Os nacionalista encadran esta situación na estratexia do PP de ir deteriorando a sanidade pública para a súa substitución por un modelo privado xa experimentado nas comunidades de Madrid e Valencia “onde por certo xa demostrou o seu fracaso”.