Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Barreiros pide que a Xunta cumpra os compromisos adquiridos e recollidos no Plan Mellora

Nota de Prensa

Antonio Veiga Outeiro, concelleiro-portavoz do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego na Corporación Municipal de Barreiros ao abeiro da lexislación vixente, presenta a seguinte

MOCION DE IMPULSO Á SANIDADE PRIMARIA NA MARIÑA DESENVOLVENDO O PLANO MELLORA

A Xunta de Galiza, as organizacións profesionais do sector, sociedades científicas e os sindicatos con representación asinaron en 2007 un plano de potenciación da atención primaria, baixo o nome de “Plano Mellora” para o período 2007-2011, co que se pretendía aumentar os recursos dos médicos de familia, así como delegar neles determinadas funcións que desenvolvían os especialistas. Xa que logo pretendíase aumentar a capacidade de diagnose da atención primaria a fin de ser capaces de atallar con máis celeridade determinadas patoloxías, aumentar o número de facultativos e diminuír a ratio destes cos pacientes, na perspectiva de que a mellora da atención primaria desatasca os centros hospitalarios e fai aumentar a calidade da atención sanitaria.

O “Plano Mellora” recollía entre outros aspectos que afectaban de xeito directo a nosa Comarca que ningún médico atendese a máis de 1250 TIS o que permitiría un maior tempo de atención ao paciente, que por cada facultativo houbese un ATS/DUE, e incrementar as prazas de persoal administrativo, así como a posibilidade de que nos centros de primaria se puideran realizar citoloxías para mulleres que non padeceran estas doenzas no pasado, dotar de retinógrafo a atención primaria, introducir a receita electrónica ou a execución de determinadas obras nos centros de saúde da Comarca.

Agás no caso da receita electrónica que se está a introducir con grande lentitude, no caso da Mariña os aspectos que se recollían neste plano seguen sen facerse realidade. Tanto é así que a paralización de determinadas obras de infraestrutura deixou sen servizo de fisioterapia ao Centro de Saúde de Mondoñedo, ou as probas de citoloxía seguen sen realizarse na primaria, ou o servizo de retinografía carece de medios para poder aplicarse, a pesar de contar cun aparello do mesmo no S.A.P. de Burela. Agora ben o caso máis sangrante ten a ver coa reducción e o incumprimento en materia de persoal sanitario ata o punto de que cando menos nos Concellos de Foz, Ribadeo, Viveiro, San Cibrao, Burela, Barreiros, Alfoz, Trabada, A Pontenova, Riotorto, Ourol, Mondoñedo, Valadouro e A Pontenova non se cumpren as previsións de dotación de persoal ou que en varios Concellos algúns médicos vense obrigados a atender a máis de 1250 cartillas. Co Plan Mellora da Atención Primaria acadaríanse 15 prazas de enfermería, 3 de médico/a , 4 de PSX, 1 de fisioterapeuta e 1 de hixienista dental.

Non só se incumpre o “Plano Mellora” senón que se está a gravar máis o caos sanitario co recorte drástico das substitucións do persoal o que provoca sobrecargas de traballo, listas de espera en Atención Primaria e tamén a precariedade laboral do persoal das listas de contratacións.

A Consellaría de Sanidade xa no 2009 paralizou na Mariña a posta en marcha do “Plano Mellora”, algo que parece obvio que vai acontecer neste ano, á vista do recorte que se produce nos orzamentos da Xunta nas partidas destinadas a atención primaria. Neste sentido e a pesar que desde a Consellaría subscríbese un acordo en febreiro de 2010 de aumentar as posibilidades da atención primaria a realidade apunta por outro camiño. Mesmamente hai que lembrar que segundo un informe que ven de facer público a Asociación Española de Médicos de Familia, Galiza situase á cabeza do Estado como a comunidade na que menos se inviste en atención primaria, sendo unha das tres que nesta anualidade recortou o presuposto en materia sanitaria en relación co pasado ano.

ACORDO:

O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego insta á Corporación Municipal de Barreiros a solicitar da Xunta de Galiza que cumpra os compromisos adquiridos coa nosa comarca e co noso concello recollidos no Plan Mellora.

Exit mobile version