Nota de Prensa
O BNG critica a conxelación salarial para os pensionistas en 2011
O BNG denuncia o volantazo de Zapatero á dereita.
O Bloque Nacionalista Galego considera gravísimas as medidas que en materia de política económica fixo hoxe públicas o Presidente Zapatero, e que se concretan na conxelación das pensións contributivas para 2011, na redución do salario dos funcionarios nun 5% e na supresión do cheque bebé, na perspectiva de que significa diminuír o poder adquisitivo da clase traballadora e polo tanto reducir o seu poder de compra o que vai dificultar un aumento do consumo e da demanda interna que son fundamentais para saír da crise. O Vice – Portavoz Comarcal do BNG denunciou “que estamos diante dun volantazo a dereita do goberno socialista, que pretende xestionar a crise aplicando o receitario neoliberal e que en definitiva pretende transferir os costos da mesma ás clases populares”
Non todo o funcionariado está ben pagado, hai moitos que non pasan dos 700 euros
Estúa afirmou “que a redución salarial aos funcionarios é unha medida demagóxica, na liña de que non todos os traballadores da función pública teñen o mesmo salario, non pasando moitos deles dos 700 euros, pero tamén agocha unha intencionalidade nefasta para o conxunto da sociedade pois significa avanzar na privatización dos servizos públicos”. Na mesma liña o nacionalista denunciou “que se parte dunha premisa falsa de que o sector público está dimensionado, cando o número de traballadores públicos no Estado é inferior á media da Unión Europea, e que vai dificultar a reactivación económica posto que significa perda do poder adquisitivo e iso vai afectar ao comercio, a hostalería e ao conxunto da actividade económica”.
Conxelar as pensións no 2011 e un mazazo a Galiza pola configuración da súa pirámide de poboación
O Vice – responsábel Comarcal do BNG foi especialmente crítico coa proposta de Zapatero de conxelar en 2011 as pensións contributivas posto que na nosa Comarca son moitos os pensionistas pola pirámide demográfica que temos, que da unha poboación moi avellentada e polo feito de que as pensións galegas xa se sitúan a cola do Estado. Veiga recordou “que son precisamente os pensionistas que se sitúan na cabeza dos índices de pobreza en Galiza, na medida que boa parte dos nosos xubilados cotizaron pola agraria polo que as súas pensión son baixas” para continuar “que esta medida é particularme gravosa para Galiza polo peso que na estrutura demográfica ten a poboación non activa”.
Tampouco hai apoio para as parellas novas ás que non se axuda na súa emancipación
Xa por último Estúa criticou a supresión do cheque bebe ao non vir acompañado doutro tipo de medidas que apoien a natalidade. “É precisamente neste momento cando desde os poderes públicos se debía de estar apostando por estas políticas. Se foi un disparate que no seu momento se primara a todas as persoas, con independencia do seu nivel de renda, agora tamén é un disparate que se deixe ao pairo a moitas parellas novas, nun momento que son estes sectores quen máis están a sufrir o desemprego”, recalcou Veiga.
Os nacionalistas anunciaron que o Goberno vainos ter enfronte a hora de poñer en marcha estas medidas e demandaron a necesidade doutras políticas que non fagan que os custos da crise recaia sobre as clases traballadoras. Estúa volveu a esixir “unha nova política fiscal que grave a quen máis ten, particularmente as grandes fortunas, e demandou que se volva a poñer en marcha o imposto sobre o patrimonio.Non pode ser que sexan os traballadores a quen lles toque apertarse o cinto, mentres que os responsábeis da crise, isto é o grande capital, segue a acumular grandes beneficios”.