NOTA DE PRENSA:
O BNG AGARDA QUE O PP DENDE A XUNTA DEMOSTRE MAIS INTERESE POLO PATRIMONIO QUE O GOBERNO CERVENSE
Os nacionalistas lembran que até o momento todas os traballos de escavación foron financiados polo promotor
O goberno local presentou en xuño de 2007 un recurso contra o inventariado do Castro da Atalaia
Cervo, 11 de maio de 2010. O BNG cervense agarda que o PP na Xunta de Galiza sexa mais respectuoso co patrimonio que o demostrado polo goberno local. Os nacionalistas lembraron que até o momento descoñécense as intencións do goberno galego en relación ao Castro da Atalaia, si se vai conservar in situ, si se van ampliar as escavacións, ou como pretende solventar co propietario dos terreos privados con licenzas de construción concedidas o futuro do xacemento.
Xa non existe discusión sobre si na Atalaia hai un castro ou non, o debate está na súa recuperación, consolidación e aproveitamento como recurso cultural e turístico.
Os nacionalistas fixeron fincapé na importancia do xacemento, “avalado xa por numerosos informes arqueolóxicos”, custou moito chegar a onde estamos” sinalou o portavoz municipal nacionalista, Xoán Antón Estúa, que lembrou os tempos nos que o goberno local negaba a súa existencia; “agora ninguén nega que exista castro na Atalaia, o debate está na súa importancia como recurso cultural e turístico para o concello”. Estúa reforzou esta idea ao lembrar que foi o goberno local quen concedeu tres licenzas de construción na zona sabendo que había restos arqueolóxicos, non informou ao promotor desta circunstancia e non solicitou informes previos a Patrimonio antes da súa concesión”; a maior afondamento o nacionalista fixo mención ao recurso que o goberno local presentou en 2007 contra o inventariado do castro pola Dirección Xeral de Patrimonio.
O actual goberno galego aínda non tomou ningunha decisión sobre como se vai protexer o xacemento no futuro.
Estúa apuntou que “todas as actuacións levadas a cabo na Atalaia até o momento foron ordenadas polo anterior goberno galego”, a paralización das obras executadas polo promotor para a construción de 100 vivendas, todas as escavacións arqueolóxicas que financia o promotor, e os seus informes correspondentes; “de momento o actual goberno non fixo nada e agardamos que vaia nunha liña mais positiva que a demostrada polo goberno local que permitiu esbandallar unha parte do xacemento ao incumprir unha orde de Patrimonio”.
Os nacionalistas insisten nun acordo necesario entre promotor e administracións para salvar o xacemento.
O BNG volveu insistir na necesidade dun acordo entre o promotor e as administracións públicas a fin de salvar o xacemento, “a solución mais beneficiosa para a administración pública e a permuta de solo e dereitos urbanísticos”, vímolo dicindo dende fai tempo, apuntou Estua, quen tamén lembrou que o PP por medio do seu parlamentar e concelleiro en Cervo, José Manuel Balseiro, defendía noutro tempo a adquisición dos terreos ao promotor, “non sabemos se agora segue na mesma liña ou cambiou de parecer”; o nacionalista fixo mención a dúas iniciativas neste sentido presentadas polo popular, unha no concello de Cervo e outra no Parlamento.