RIBADEO (FNC) .- O alcalde, Fernando Suárez, úrxelle á ministra de Medio Ambiente, Medio Rural e Marino o inicio inmediato das obras de recuperación da ensenada da Vilavella que foron adxudicadas a finais de 2009. O rexedor pídelle que comecen por calquera parte do ámbito de actuación agás pola praia de Os Bloques, ao menos durante este verán.
Suárez Barcia lembrou que “hai un tempo, vai xa para varios meses, desde o Concello congratulámonos de que por fin o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Marino fora investir uns tres millóns de euros na recuperación da enseada da Vilavella, dunha parte importante da praia de Os Bloques e tamén a construción dunha senda peonil de conexión coas Aceas”. O rexedor engadiu que “isto dixémolo hai varios meses despois de que o Concello puxese os terreos a disposición do ministerio concluíndo así un proceso iniciado hai anos e que por fin víamos a luz, pero o certo é que a día de hoxe, eu como alcalde de Ribadeo, vexo que as obras aínda non empezaron. Sabemos que están adxudicadas a unha empresa desde finais de 2009 e vamos xa para mediados de 2010 e as obras seguen sen empezar”.
O alcalde de Ribadeo ven de enviarlle unha carta a Elena Espinosa “urxíndolle a que, por favor, execute canto antes este proxecto e como vamos entrar na época estival e como logo non queremos problemas porque eses traballos coincidan con que os propios bañistas da praia dos Bloques se vexan afectados é polo que lle demandamos que se poñan a executar esta actuación tan importante para Ribadeo e que, por favor, todo este traballo tan importante que teñen por diante non comece pola praia dos Bloques xa que hai moito sitio na enseada da Vilavella, na fábrica de algas, no asteleiro vello, no paseo peonil… hai moito sitio onde traballar sen que agora por mor de certa demora inxustificada se vaia entorpecer o uso por parte dos bañistas desta praia”.
Fernando Suárez amósase convencido de que “os veciños de Ribadeo no global estarán moi satisfeitos de que como quede este proxecto e os bañistas e os usuarios dese areal o estarán tamén dobremente”.