Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo pídelle á ministra de Cultura medidas para evitar situacións de abuso da SGAE

RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, envíalle unha carta á ministra de Cultura na que lle demanda a posta en marcha de medidas encamiñadas a evitar as situacións de abuso que a SGAE está a cometer co Concello. O rexedor tamén recurre ao Defensor del Pueblo en busca de apoio.

Fernando Suárez dixo que “lamentablemente volvemos ser noticia aquí en Ribadeo por unha actuación que entendemos totalmente desafortunada e que está a producir unha deslexitimación social enorme coas normas que está a aplicar a SGAE. Voltamos a recibir facturas por conceptos que entendo abusivos e que están no límite do que pode ser a extorsión, porque que desde a SGAE nos intenten volver cobrar dereitos de autor por concertos realizados por alumnos da Escola Municipal de Música, algo que raia a extorsión a unha entidade pública como é o Concello”.

O alcalde ribadense sinalou que “como hai un tempo lle enviamos unha petición á Federación Española de Municipios e Provincias e á FEGAMP e non tivemos ningún tipo de contestación, volvémolo a facer agora, pero ademáis dirixímonos ao Defensor del Pueblo para que nos apoie nesta situación de indefensión na que nos atopamos nós, pero tamén outros moitos concellos. Requerímoslles á FEMP e á FEGAMP que nos apoien nestas demandas, pero a novidade é que eu tamén lle dirixo un escrito cordial, cortés, pero firme á ministra de Cultura, Angeles González Sinde, trasladándolle este malestar e esta frustación da nosa Corporación e pídolle que adopte medidas precisas de carácter executivo e as modificacións legais procedentes para que estas situación de abuso deixen de producirse”.

Suárez Barcia seguiu a explicar que “actúen preservando os dereitos de autor cando éstes se poidan ver menoscabados, pero deixando sen efecto situacións de abuso como as que se veñen producindo, porque o feito de pretender cobrar por dereitos de autor e por dereitos de arreglo de partitura cando son os propios profesores da Escola de Música os que preparan as actuacións e fan os arranxos, ao igual que ocorre coa Coral Polifónica, que nos pretendan cobrar ao Concello está no límite do despropósito, da extorsión e da usura e eso non debe suceder”.

O rexedor considera que “a SGAE está arraigando unha deslexitimación social absoluta sobre estas normas, quere exprimirnos e xa estábamos bastante mal e o que van provocar é que, aparte da lóxica reducción de eventos culturais por mor da crise, vámolos ter que reducir moito máis para abonar á SGAE todos estes cartos que nos reclama por conceptos absolutamente ao límite da extorsión”.

Exit mobile version