Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo decretou o despido do director da Escola de Música

RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, decretou o despido do director da Escola de Música, Lourenzo Cruz, atendendo á resolución proposta do órgano instrutor do expediente disciplinario aberto a este traballador municipal.

O rexedor sinalou que “despois de varios meses de tramitación dun expediente disciplinario, onde o alcalde non tivo participación, porque un non pode ser xuíz e parte e este expediente, segundo marca a lei, levárono uns instrutores que son funcionarios do Concello de Ribadeo; despois dunha serie de datos que foron obrando no expediente, de testemuñas, de antecedentes documentais… despréndese segundo a propia proposta do organismo instrutor que, segundo a lexislación laboral do estatuto dos traballadores e toda a xurisprudencia, hai unha serie de cargos fundamentalmente deslealdade e abuso de confianza que son constitutivos de despido”.

Suárez Barcia explicou que “se practicaron todas as probas pertinentes sempre co principio de audiencia ao interesado, sempre se respectou a presunción de inocencia e houbo finalmente unha proposta de resolución que se comunicou. Despois procedéuse á presentación de alegacións que xa alcaldía tivo que resolver, foron unhas alegacións que considerei infundadas e o alcalde non creu oportuno apartarse da proposta de resolución que o órgano instrutor propuxo, e decretou o despido deste traballador municipal”.

O alcalde manifestou que “foron circunstancias desagradables para todo o mundo, creo que a situación do Concello de Ribadeo, da Escola de Música, dos pais, dos alumnos fixéronnos desde o primeiro ata o último momento clarexar todo o que aquí puidera haber, dunha maneira limpa”.

Fernando Suárez subliñou que “con estrita suxeición á legalidade vixente se estivo a instruír este expediente que derivou nesta situación. Todos somos iguais diante da lei e todos estamos suxeitos a dereitos e a deberes e neste caso actuamos no sentido que se propón no expediente de instrución asinado. Finalmente dicir que sobre este asunto non vou, en principio, volver a pronunciarme”.

Exit mobile version