Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo explica que as actuación do goberno fanse seguindo os informes técnicos e xurídicos

RIBADEO (FNC) .- O alcalde, Fernando Suárez, rexeita as acusacións verquidas desde o PSOE nas últimas horas sobre a actuación do goberno municipal na adxudicación das obras da travesía de Ribadeo. O rexedor asegura que a empresa elixida foi a que reuniu a puntuación máis alta de todas as presentadas. Un informe asinado por tres técnicos municipais avala a decisión adoptada na mesa de contratación.

Suárez Barcia asegurou que “debo volver dicir o que no seu momento en todos os órganos colexiados onde este tema se tratou se dixo, incluído no pleno da Corporación, no BNG decidimos, xa que había dous grupos, o PSOE e o PP, que non vían demasiado clara a puntuación deste concurso para ser adxudicataria unha determinada empresa, deixalo sobre a mesa”. O rexedor subliñou que “todos os actos que se viñeron facendo desde o principio foron inicialmente aprobados polo pleno, onde hai que recordar que o BNG non ten a maioría. Todos os pasos que se foron dando fixéronse cos informes técnicos postos enriba da mesa, é dicir cando a mesa da contratación, da que forman parte o alcalde e dous técnicos máis, decide propoñer ao pleno cal vai ser a empresa adxudicataria non o fai por capricho nin porque o queira o alcalde, senón porque un informe firmado solidariamente polos tres técnicos municipais (dous arquitectos superiores e un arquitecto técnico) di de maneira conxunta, solidaria e sen fisuras que a mellor proposta é a dunha determinada empresa. Na mesa de contratación hai outros dous técnicos que deciden absterse, pero non din que non nin fan un informe desfavorable”.

Fernando Suárez explicou que “prevaricación é adoptar resolucións inxustas sabendo que o son, precisamente creo que prevaricación sería o que está a dicir o PSOE, que segundo os cálculos que fai o seu concelleiro, que non é técnico na materia, que nunha mañá revisa e di que lle daría a obra a outra empresa. Eu non sei si tería razón ou non, pero eu non me estou basando por cálculos que fai o alcalde nin que fai ningún político, refírome a un informe técnico feito polos técnicos aos que a mesa de contratación lles encomendou a súa realización e de maneira unánime propoñen unha determinada empresa”.

O alcalde ribadense manifestou que “para aclarar e disipar calquera tipo de dúbida, como dixemos no pleno, o asunto quedou enriba da mesa e nos vindeiros días nos reuniremos todos os portavoces dos grupos políticos cos técnicos para que se revise ata a última coma de todo esto. Este goberno municipal non ten nin o máis mínimo interese en que as cousas se fagan mal, é máis todas as actuacións durante tres anos están presididas pola intención de facer as cousas ben e sempre seguindo os informes técnicos e xurídicos pertinentes”.

Exit mobile version