RIBADEO (FNC) .- O alcalde, Fernando Suárez, agarda que en xuño dean comezo as obras de mellora da enseada da Vilavella, despois de que hoxe se firmase o contrato entre a empresa adxudicataria e o Ministerio de Medio Ambiente.
O rexedor manifestou que “recibimos hoxe unha boa noticia que é a sinatura do contrato desta obra tan importante para Ribadeo como é a mellora da enseada da Vilavella, deste sendeiro peonil ata As Aceas e a recuperación do muíño de mareas nesa zona así como a conversión do vello estaleiro nun lugar para que os remeiros e piragüistas poidan contar cunhas cómodas e modernas instalacións e a reparación da praia de Os Bloques”.
Suárez Barcia lembrou que hai quince días lle dirixiu unha carta á ministra Elena Espinosa para que non se demorase por máis tempo o inicio destas obras. O alcalde dixo que “hai pouco tempo, a principios deste mes e en vista da preocupación de moita xente e da Corporación por ver como unha obra licitada e adxudicada non daba comezo, eu mesmo lle enviei unha carta cordial á ministra Elena Espinosa convidándoa a que viñera cando quixera, pero pedinlle que firmara canto antes o contrato para que a empresa adxudicataria poida empezar dunha vez estas obras que teñen un presuposto de 2 millóns de euros e un prazo de execución de 18 meses”. Fernando Suárez seguiu a relatar que “por fin segundo me comentaron no día hoxe desde a empresa e desde Costas o contrato foi asinado e é de supoñer que nos vindeiros días ou na primeira quincena de xuño poidan xa formal e tecnicamente comezar as obras de remodelación de toda esta zona, oculta para moitos veciños de Ribadeo, absolutamente descoñecida para os turistas e que penso que vai ser un punto moi importante desde o punto de vista de ocio, de paseo, de visión do que é a ría de Ribadeo desde zonas ás que non se accedía e de cara ao turismo e ao sector hostaleiro para que poidan recomendar aos visitantes os lugares de lecer e de paseo. Vai ser un referente auténtico en toda a comarca”.
O rexedor ribadense sinalou que “no nome do Concello e da Corporación alégrome desta boa noticia e dialogando coa empresa adxudicataria pedinlles, aínda que temos moita presa en que dean comezo e que se rematan canto antes, que por favor as obras non empecen pola praia dos Bloques, porque sería unha pena que desen comezo por alí con todos os bañistas nesa zona. Hai moito que facer e moito por onde empezar e agardo que o verán que ven as obras estean practicamente listas”.