CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, xestiona coa Xunta de Galicia “para posibilitar a chegada de novos asentamentos empresariais no parque empresarial de Cuíña”.
Nota de Prensa
O CONCELLO TRABALLA PARA SITUAR EMPRESAS NO POLÍGONO DE CUÍÑA
Cervo, 5 Maio de 2010.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, indicou no día de hoxe que o Goberno local está a traballar coa Xunta de Galicia para posibilitar a chegada de novos asentamentos empresariais no parque empresarial de Cuíña.
O rexedor cervense fixo estas declaracións no transcurso do acto oficial de entrega por parte da delegada territorial da Xunta de Galicia, Raquel Arias, das obras de aparcamentos e acondicionamento da zona deportiva e dotacional levados adiante pola empresa Xestur nesta área empresarial cervense. Villares asegurou que esta actuación será “moi positiva” para os intereses do conxunto de veciños do Concello de Cervo e agradeceu á delegada territorial “e por extensión á Xunta de Galicia” a boa predisposición do executivo galego para posibilitar que os traballos se desenvolveran a un bo ritmo “e polo importante investimento feito no noso municipio porque demostra o compromiso do actual Goberno galego cos cervenses”.
O rexedor fixo fincapé na necesidade de incidir en políticas tendentes a loitar contra a crise actual “e para iso estamos a traballar ombro con ombro coa Xunta de Galicia en todos aqueles aspectos que posibiliten a implantación de novas empresas no noso polígono industrial”. Villares adiantou que está a manter contacto con distintas empresas interesadas en asentarse nesta área industrial “e posibilitar deste xeito que estes proxectos empresariais podan enraizar no noso concello, porque isto significará a xeración de postos de traballo e de riqueza para Cervo, algo que agora mesmo é o que necesita a nosa sociedade e a nosa xente” recalcou Villares.
Obras Polígono
O custo destas actuacións recepcionadas no día de hoxe polo Concello de Cervo ascende a preto de 200.000 euros. Esta cantidade foi destinada á construción dunha pista de pádel, urbanización unha explanada para aparcamentos, e acondicionamento en xeneral da parcela de equipamento deportivo, incluíndo un sendeiro peonil que une ambas zonas.
Así mesmo, construíronse preto de 1,8 quilómetros de viais e tamén se cede ao concello un solar que deberá destinar a usos sociais. Esta parcela ten unha superficie de 11.250 metros cadrados, mentres que o espazo dedicado a equipamento deportivo ascende a 14.500 metros cadrados.
O parque de Cuiña é un dos oito polígonos empresariais construídos por Xestur na Mariña luguesa. Mide máis de 578 mil metros cadrados e supuxo un investimento superior aos 3,6 millóns de euros.
Curso de ebanistería
O alcalde de Cervo acompañou á delegada territorial na súa visita aos alumnos e alumnas do curso de formación ocupacional de ebanistería que se esta a desenvolver nas dependencias das antigas fábricas do complexo metalúrxico e na Casa da Administración de Sargadelos.
Esta actividade formativa, dirixida a traballadores desempregados, está financiada pola Consellería de Traballo e Benestar e organizada e impartida polo Centro de Formación Profesional Ocupacional de Viveiro. O orzamento ascende a 115.000 euros.
No curso participan 15 persoas, que completarán 825 horas de formación teórico-práctica en módulos formativos como a elaboración de planos de carpintería e mobles, mecanizado de elementos de madeira y taboleiros, ensamblado de mobles, composicións de chapa e marquetería ou elaboración de presupostos e xestión de compras.
Os alumnos deben seguir tamén dous módulos transversais sobre prevención de riscos e cuestións medioambientais.
O Centro de Formación Ocupacional de Viveiro organiza esta actividade con carácter itinerante, cada ano nunha localidade distinta en colaboración co concello, sendo esta a primeira edición que se imparte en Cervo. Os asistentes que rematen o curso con éxito obterán o certificado profesional de ebanista.