Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Cervo valorou positivamente a visita do subdelegado do Goberno

CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, aproveitou a estadía hoxe no Concello do subdelegado do Goberno en Lugo, José Vázquez Portomeñe, para solicitarlle a axilización de distintas obras e proxectos xestionados dende o Goberno local que dependen da administración estatal.
O rexedor lembroulle ao representante do Goberno do Estado na provincia que o Concello está pendente de que se materialicen obras como a mellora da praia de Rueta, ou a colocación dunha pasarela peonil na estrada N-642 na zona de Cuíña, “actuacións todas moi importantes para o conxunto de veciños e veciñas de Cervo, todas elas tramitadas administrativamente e das cales nos atopamos á espera de que se concrete a súa realización” lembrou.
Villares recordou tamén a necesidade de cumprimentar as obras de saneamento que se están a facer actualmente en San Ciprián coa construción dun emisario submarino de máis lonxitude ao contemplado no proxecto e dese xeito garantir que os vertidos da estación de tratamento de augas residuais non inflúan na captación de auga das plantas acuícolas que se atopan no polígono de Cuíña. “Xa os redactores do proxecto eran coñecedores das reivindicacións feitas por estas empresas piscícolas a través de informes que presentaron e que non foron tidos en conta, de xeito que neste momento temos un saneamento a medias que necesita rematarse e aproveitei a estadía do señor Portomeñe para lembrarlle esta circunstancia e a nosa preocupación ao respecto” dixo.
Por último, o alcalde cervense asegurou que o grupo de Goberno local continuará na liña de “colaboración mutua e perfecto entendemento” mantida ata o momento coa administración central “e que non ten outro obxectivo máis que o de mellorar as infraestruturas e os servizos dos nosos veciños e revalorizar a franxa costeira do noso término municipal de xeito respectuoso co medio ambiente para o uso e goce de tódolos veciños”.

Exit mobile version