CERVO .- O rexedor local cervense, Afonso Villares, ten a intención de repetir como candidato á alcaldía polo Partido Popular nas eleccións municipais de 2011. Díxoo durante unha entrevista na emisora de radio Onda Cero A Mariña (103.3 FM).
No programa A Mariña na Onda, que presenta e dirixe Beni Mántaras, o alcalde de Cervo comentou que ten máis ilusión que nunca por seguir catro anos máis traballando para os cervenses. Tamén dixo que agora o Concello conta co apoio da Xunta a diferenza do que ocorreu durante o goberno autonómico bipartito, de PSOE e BNG.
Para Afonso Villares este é o seu primeiro mandato na alcaldía de Cervo, pero antes estivo doce anos como concelleiro do PP, catro na oposición e oito no goberno municipal cuxo máximo responsable era o popular José Insua.