Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Barreiros culpa á secretaria do impago das nóminas dos traballadores do Concello

BARREIROS (FNC) .- O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, asegura que os traballadores do Concello denunciaron hoxe o boicot da secretaria municipal, Mª Antonia Martínez Barcia, ao pago das súas nóminas.

Segundo o rexedor, “a secretaria realizou unha serie de reparos aos gastos de quilometraxe que tiñan que percibir 6 traballadores municipais que empregaron os seus coches en horario laboral. Nun caso falamos de tan só 8,91 euros. Penso que isto responde a unha pataleta desta funcionaria despois de que eu lle denegase a ela un complemento de produtividade cercano aos 700 euros que me solicitou e que considero que non se merece”.

Fuente Parga explica que “dei orden de que se pagasen todas as nóminas a excepción das que estaban reparadas, pero non se fixo. A secretaria di que firmou o ficheiro de pago dos salarios, pero resulta que a continuación o anulou e polo tanto o alcalde e o tesoureiro non puideron ordenar o pago dos salarios dos traballadores do Concello de Barreiros”.

O alcalde lamenta que “a día 4 de maio os traballadores do Concello de Barreiros non teñan cobrado os seus salarios de abril, cando de xeito habitual viñan percibindo as súas nóminas os días 27 e 28, antes de final de mes. Estes feitos vólvese producir despois da incorporación da secretaria titular, Mª Antonia Martínez Barcia, cando durante o período da súa baixa por este Concello pasaron outros dous secretarios e non houbo ningún reparo a estes gastos que se lles veñen pagando aos traballadores polo uso do seu vehículo particular”.

Alfonso Fuente Parga enviou as notificacións da secretaria municipal á Dirección Xeral de Administración Local e tamén as vai remitir ao Consello de Contas “para que emitan informes sobre si estes reparos teñen fundamento”.

Exit mobile version