Site icon Crónica3.com A Mariña

Navegar con temporal de crise

No medio dos lóstregos e tronos da tormenta da crise o goberno veuse obrigado a cambiar de rumbo. Non sei se para poñer proa ao temporal, que no caso de galerna non é o máis indicado porque a forza do mar pode escachar con todo o barco, ou se é para poñerse á capa, contando con volver á normalidade dende onde nos deixe o vendaval.

O domingo (16-05-10) saíron os resultados dunha enquisa en El País tratando de explicar as reaccións da poboación, da que quero facer unha interpretación persoal, sen ningún tipo de pretensión solucionadora. Non me vou parar a valorar os cambios na intención de voto entre os partidos maioritarios, porque son normais e responden ás reacción lóxicas do cabreo cidadán cando ve que “a corda rompe sempre polo máis frouxo”. A xente ten dereito a facer cambios emocionais aínda que logo teña que laiarse, arrepentirse ou desenganarse e máis tarde xustificarse baduando en contra dos políticos, personaxes deostados pero necesarios en calquera réxime político. Son reaccións lóxicas, porque cando hai tormenta so queremos que pase axiña e cando volve a calma esquecemos as penurias vividas e pensamos que o bo tempo vai durar para sempre.

Vaia por diante que penso que as medidas tomadas polo goberno son extemporáneas, inxustas e insolidarias, que de momento fanlle pagar a crise aos máis débiles e aos máis inocentes e ás vítimas dunha situación producida pola irresponsabilidade de banqueiros e especuladores que foron salvados cos cartos de todos e agora rinse a gargalladas impoñéndonos as súas leis de mercado e o pago das súas ambicións e avaricias.

Non nos damos conta que todos estamos metidos no mesmo barco; uns co timón, outros nas máquinas, outros na cociña e a maioría na cuberta. Observo que a visión da realidade é diferente dependendo da posición social de cada quen e que tripulación atópase espantada discutindo cada un dos seus propios intereses, sen ver que a mareira pode levarnos a todos ao fondo do mar.

Vexamos o que pensa o universo da enquisa sobre as medidas tomadas polo goberno do Estado.

É posible que na defensa pechada dos intereses persoais poda suceder que o barco escore demasiado e se vaia a pique. Daquela cada quen terá que enfrontarse solo á tempestade. Os máis fortes han coller os mellores salvavidas, os que teñan sorte han atopar unha boia para seguir sufrindo frío e fame na soidade do océano. Moitos outros morrerán nas fauces insaciables das quenllas. E o dono do barco dando ordes dende terra firme e segura.

Exit mobile version