LUGO .- Sábado terá lugar en Lugo a final do Campionato Galego Infantil de Xadrez, no que participarán preto de medio centenar de nenos e nenas das catro provincias galegas. Será a partir das 11.00 horas da mañá no complexo residencial xuvenil LUG II.
Nota de Prensa
Campionato Galego de Xadrez
Presidente da Federación Galega de Xadrez, Gaspar Pérez.
Xefe do servizo de Deportes da Delegación Territorial, José Manuel Rozas.
Presidente da Asociación Xaquedrum, Pablo Castro.
A Secretaría Xeral para o Deporte puxo en marcha durante este curso escolar o programa Xogade –Xogos Galegos Deportivos- para fomentar o achegamento dos escolares ás diferentes disciplinas deportivas a través do xogo.
Dentro deste programa, o vindeiro sábado terá lugar en Lugo a final do Campionato Galego Infantil de Xadrez, no que participarán preto de medio centenar de nenos e nenas das catro provincias galegas.
O campionato celebrarase a partir das 11.00 horas da mañá no complexo residencial xuvenil LUG II. Isto é un motivo engadido de satisfacción para nós, posto que abrimos así a cidadanía este centro, que engloba unhas instalacións remodeladas que son dependentes da Consellería de Traballo e Benestar.
Nesta final enfrontaranse oito equipos, con seis membros cada un, en dúas categorías: mixta e feminina. Entre os participantes atoparanse tres equipos de Lugo, dous femininos e un mixto.
O campionato está patrocinado pola Xunta e organizado pola Federación Galega de Xadrez e a Asociación cultural Xaquedrum, coa colaboración de Deporte Galego e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
Neste sentido, quero poñer de relevo o esforzo realizado pola Federación Galega de Xadrez e por Xaquedrum, e agradecerlles a Gaspar Pérez Carnero e a Pablo Castro o traballo desenvolvido.
Esta colaboración ven a refrendar a liña de cooperación que marcou o programa Xogade. O amplo despregamento que precisa este programa non sería posible sen a cooperación das federacións e agrupacións deportivas galegas.
Unha iniciativa destas dimensións, que agrupa a deportistas de 21 modalidades deportivas diferentes e de diversas categorías (fútbol, natación, tenis de mesa, voleibol, patinaxe artística, xadrez, etc.), non sería posible sen o impulso institucional, pero tampouco sen un respaldo das federacións.
Como comprenderán, esixe un esforzo de coordinación no que resulta imprescindible contar coa experiencia e coñecementos que proporcionan as asociacións e agrupacións deportivas.
Por iso quero agradecer aos representantes do mundo do xadrez en Galicia e na nosa provincia o traballo realizado ata chegar aquí, co desenvolvemento das fases locais, e o esforzo realizado para a posta a punto desta fase galega.
Participaron neste campionato de xadrez nada menos de 369 equipos de toda Galicia, nas categorías benxamín, alevín, infantil e cadete. En total, foron 1.590 rapaces e rapazas de distintos clubs os que tomaron parte nesta iniciativa.
Mediron as súas habilidades sobre o taboleiro coas dos s contrincantes. Aprenderon uns doutros, mellorando de seguro o seu desenvolvemento cognitivo, o grande valor deste deporte rei da destreza mental.
Pero o máis importante é que se ofrece aos nenos e rapaces de distintos lugares a ocasión de encontrarse e compartir experiencias en torno ao xadrez, estimulando así a súa afección e quizá promovendo novas vocacións en torno a esta disciplina.
Ao fin, este é o obxectivo do programa Xogade, enganchar aos nenos e nenas ao deporte para que aprendan a utilizar o seu tempo de lecer dun xeito san, útil e formativo.
Tan só me resta animar a todos os lucenses a que acudan ao complexo residencial LUG II este sábado a animar aos participantes, e principalmente aos representantes da nosa provincia -aínda que lles desexamos a todos o mellor-.
E invitar aos visitantes doutras provincias, que veñan acompañando aos seus rapaces, a que disfruten do campionato e da nosa cidade.