Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio cento de bares e restaurantes participarán do 22 ao 30 de maio na quinta edición de “Ribadeo tapeo”

RIBADEO (FNC) .- Un total de 49 bares e restaurantes participarán do 22 ao 30 de maio na quinta edición de Ribadeo de tapeo, que contempla importantes novidades como a realización de actividades gastronómicas e culturais. O prezo das tapas a concurso será de 1 euro. Os premios serán: mellor tapa, mellor tapa tradicional, mellor tapa creativa e mellor barra. Este ano será o público o que elixa a mellor barra “por considerar que son os máis capacitados para valorar a atención ao cliente, o ambiente do local, a profesionalidade, etc, etc”, segundo explicou o alcalde de Ribadeo.

Fernando Suárez subliñou que “estamos diante dunha iniciativa tan boa e que ten tanta aceptación tanto na nosa vila, como na Mariña e no Occidente asturiano. Neste ano vese ampliada en establecementos e en actividades e tamén collerá dúas fins de semana consecutivas, rexistramos un incremento do 60%, no número de locais participantes xa que pasamos dos 31 que houbo o ano pasado aos 49 que concorren neste 2010”.

Entre as novidades que presenta o Ribadeo de tapeo “figuran o premio ao larpeiro de ouro, para aquelas tres persoas que vaian a todos os establecementos e así o acrediten selando a cartulina que entregaremos como todos os anos. Haberá unha cata guiada de viños da Denominación de Orixe Ribeiro, un curso de cociña creativa, un concurso de fotografía, outro de de microrrelatos gastronómicos ademáis de degustacións e a participación especial da Escola de Música e Danza de Ribadeo que acudirá aos establecementos coa animación taberneira, onde interpretará cancións populares de taberna. Así mesmo está programado un espectáculo narrativo para adultos que terá lugar o día 29 de maio no Cine Teatro a cargo da actriz Soledad Felloza”.

O rexedor destacou “a colaboración económica importante da Deputación de Lugo e tamén importante ainda que en menor medida do Centro Comercial Aberto Ribadeo, grazas a todos faremos todas estas actividades paralelas que contribuirán a facer aínda máis atractivo o Ribadeo de tapeo”.

Suárez Barcia lembrou que “haberá guías informativas da ruta de tapas para que todo o mundo saiba a onde pode dirixirse, tanto na vila como nas parroquias nas que temos actividade hostaleira”. E engadiu que “esta iniciativa persigue dinamizar un sector económico importantísimo como é o sector servizos, atraer xente a Ribadeo nun período baixo de actividade. Cremos que seremos outro ano máis referente en toda a comarca, tanto na Mariña de Lugo como no Occidente asturiano. E queremos convidar á xente, aos veciños, aos amigos de todas estas zonas para que se acheguen a Ribadeo, que participen, coman, degusten e disfruten dunha vila moi próspera, moi dinámica, a pesares da situación económica global amolada, pero a fin de contas, como sempre dicimos, Ribadeo é Ribadeo”.

Exit mobile version