Site icon Crónica3.com A Mariña

Maio florido

O rei da primavera é o mes de maio, nome éste que procede de “Maia”, nai do deus Mercurio, e que por representar o trunfo da vexetación leva o nome de “mes das flores”. En maio remátase de sementa-lo millo, e cando se facía na última finca dunha casa poñíase no medio, cravada, unha gran rama de xesta en flor; era o que se chamaba  “poñer o ramo ó maio”. O mes era tamén saudado pola galanura das súas flores: “velaí ven o maio cargado de flores; detrás ven San Xoan que as trae mellores”.Ó mes de maio refírense unha chea de refráns e algúns ditos, como aquel que se aplica a unha muller que vai para o traballo e entretense falando con outra persoa: “ non fagas como a da grade”, dito que procede dunha rapaza que, nunha mañanciña de maio, cando se dirixía a gradar unha finca atopouse cun mozo e pasou o día enteiro falando con él. Ó anoitecer, cando volvía para a casa, exclamaba: “días de maio, días de amargura, inda ben non amañece xa é día escura”. Acontece neste tempo a apoteose florida da vida, algo a celebrar entre a paisaxe e a paisanaxe: escoitanse os últimos cantos do cuco e os primeiros do grilo, pregoeiros do “tempo claro”, como un reloxio que marca e fai relembrar o paso do tempo, por outra banda bó agoiro entre as xentes do rural; significa  amor, fartura, bó tempo. Comenzan así as festas do ramo florido. A flor sempre como insignia de vida, porque no ciclo será froito e novamente semente.“Os maios” son unha das festas mais populares do ciclo anual. Aproveitando os froitos que nos da a natureza pódese aprecia-la creatividade das xentes nas súas composicións florais, ou nas coplas que acompañan ós maios, que son elementos fundamentais na escenificación da celebración, de orixe prehistórico. Os maios poden ser “humanos “ ou “figurados”. Nos primeiros un cativo é o “maio”. Aquí o neno ou mozo cúbrese con flores, fionllo, herbas e espadanas, imitando as vestimentas dos peregrinos; os “figurados” fórmaos unha figura cónica, piramidal, de cruceiro, de barco, un monumento. Van transportados sobre plataformas, cubertos con polas e adornados con todo tipo de flores e vexetación. Son singulares os maios artísticos de Ourense, onde se conservan mais fielmente, festa declarada de interese turístico.
Suso Fernández

Exit mobile version