CERVO .- A entidade MariñaPatrimonio comunicou á Consellería de Cultura e ao Concello de Cervo o achado dun xacemento arqueolóxico ubicado no polígono industrial de San Cibrao, a 1,5 quilómetros do castro da Atalaia. Trátase, case con total seguridade, dun castro costeiro, explica MariñaPatrimonio, afectado pola amplianción do polígono indutrial de Cuiña que destruíu arredor duns 4000 metros cadrados nos que se atopaban uns parapetos, sistemas defensivos tipicamente castrexos.
Nota de Prensa
Nota de prensa de MariñaPatrimonio sobre un novo xacemento arqueolóxico e unha nova agresión ao patrimonio.
MariñaPatrimonio comunicou recentemente á Consellería de Cultura e ao Concello de Cervo o achado casual dun novo xacemento arqueolóxico en San Cibrao (Cervo). Trátase, case con total seguridade, dun castro costeiro ubicado no polígono industrial de San Cibrao, a 1,5 km do castro da Atalaia.
As obras que recentemente a empresa pública XESTUR realizou para o Concello de Cervo sacaron á luz unha importante cantidade de cerámica castrexa situada no perfil leste do outeiro deste posible castro.
A abundante presenza de fragmentos cerámicos castrexos alertounos de que estabamos perante un novo xacemento arqueolóxico. Ao percorrer o perímetro do posible castro, puidemos comprobar que no lado oeste había uns parapetos, sistemas defensivos tipicamente castrexos.
Lamentablemente, a ampliación do polígono industrial destruíu case totalmente estes parapetos e o recinto que albergaban. A destrución puido afectar arredor duns 4000m2.
Segundo podemos observar en fotografías aéreas, a zona destruída podería tratarse do antecastro.
Estes feitos constitúen unha nova agresión, ocasionada por unha empresa pública, ao patrimonio arqueolóxico. Suponse que unha obra destas características debería contar cun estudo de impacto medioambiental, que neste caso ou non se fixo ou se fixo mal.