Site icon Crónica3.com A Mariña

José Insua Pernas foi presentado como o novo xerente do Hospital da Costa

BURELA .- A conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, anunciou esta mañá do inicio do proceso de adquisición dun mamógrafo dixital, dun novo ecógrafo, e dun ecocardiógrafo por valor de preto de medio millón de euros que se instalarán no Hospital da Costa de Burela.

Farjas Abadía afirmou que esta actuación exemplifica a aposta do seu departamento por potenciar a sanidade pública no norte da provincia de Lugo. O obxectivo fundamental de todas as actuacións desenvolvidas e tamén as planificadas para esta lexislatura, subliñou Farjas Abadía, é o de solucionar os problemas de saúde dos mariñáns o máis cerca posible, e tamén da forma máis resolutiva.

Nova etapa

A conselleira de Sanidade tamén presentou esta mañá aos profesionais do Hospital da Costa ao novo xerente deste centro da rede sanitaria pública galega, José Insua Pernas. Farjas Abadía encargoulle continuar co grande reto que a Consellería de Sanidade ten proposta para a Mariña “modernizar o sistema sanitario galego, que como xa sabedes, ten como principal obxectivo situar ao paciente no centro do sistema. Estou convencida de que saberá facelo con éxito”.

O novo xerente do Hospital de Burela naceu en Cervo no ano 1956, e licenciouse en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago no ano 1988. Ademais, conta co Máster en Medicina de Urxencias da Universidade de A Coruña, do que foi titor de clases prácticas en varias edicións. Actualmente, Insua Pernas desenvolvía a súa actividade profesional como médico do servizo de Urxencias no Hospital da Costa. Precisamente, foi xefe deste servizo de Urxencias entre outubro de 1990 e maio de 1993, e tamén entre marzo de 1999 e outubro de 2005.

Pilar Farjas Abadía tivo ademais palabras de agradecemento para o xerente saínte, José Carlos López Somoza, “polo seu esforzo e dedicación, polo traballo realizado neste ano na xerencia, a pesar de tódalas dificultades socioéconomicas nas que vivimos tódolos galegos” e engadiu que “estou segura de que porás todo o entusiasmo no teu novo labor, co equipo responsable da posta en marcha do Novo Hospital Lucus Augusti onde nos fai falta tamén xente de contrastada experiencia e gran capacidade de traballo”.

Neste marco, a conselleira de Sanidade destacou a importancia de contar coa súa valía e aproveitar a súa experiencia profesional coa súa incorporación ao proxecto da posta en marcha do novo Hospital de Lugo. Un plan de especial importancia e complexidade que contará co traballo e planificación de expertos sanitarios que coñecen de primeira man a realidade sanitaria da provincia luguesa.

Infraestruturas e novos obxectivos

Nesta liña, a conselleira lembrou o investimento de 1,5 millóns de euros na mellora das infraestruturas e do funcionamento do Hospital da Costa, case 900.000 euros na reforma da planta de tocoxinecoloxía, e 615.400 euros xa licitados para a reforma da cuberta e rampla, ampliación da unidade de farmacia e arquivo.

Tamén destacou Pilar Farjas o importante esforzo que está a realizar o hospital, cun rendemento cirúrxico que chega case ao 71% -o seu obxectivo para 2010 é superar o 75%- e, no tocante ás listas de espera, os pacientes máis graves -prioridade 1- esperan unha media de 15 días para ser operados, un dos mellores datos da Comunidade.

Ademais, o Hospital da Costa de Burela está a implantar, tal e como se recolle no Acordo de Xestión asinado para este ano 2010, dúas vías rápidas -de cancro colo-rectal e cancro da área de otorrino (ORL)-, e o proceso asistencial integrado de insuficiencia cardíaca, o que permitirá mellorar a atención aos pacientes afectados por estas patoloxías.

Pilar Farjas tamén destacou, tal e como anunciara no Parlamento de Galicia, que a atención urxente e os traslados intrahospitalarios mellorarán ao dotar á área da Mariña cunha ambulancia medicalizada, que entrará en funcionamento antes de final de ano.

Con respecto da atención primaria, a conselleira de Sanidade destacou a importancia de “incorporar as actuacións de todos os profesionais dos centros implicados, e moi especialmente os de enfermería, e definir os indicadores que permitan monitorizar a consecución dos obxectivos de diminución da variabilidade, de probas, consultas e ingresos”.

Exit mobile version