Lugo .- O venres, 7 de maio, terá lugar na Deputación unha xornada informativa do programa Innova-TE que garantirá a implantación da administración electrónica no organismo provincial e no Concellos da provincia en 12 meses.
Nota de prensa
Arranca oficialmente o programa Innova-Te
cunha xornada informativa na Deputación
– O encontro será inaugurado por Gómez Besteiro e pola Secretaria de Estado de Función Pública, Consuelo Rumí
– A xornada supón o lanzamento do programa tecnolóxico que garante a implantación da administración electrónica en 12 meses
A Deputación acollerá o vindeiro venres, 7 de maio, unha xornada informativa do programa Innova-TE que garantirá a implantación da administración electrónica no organismo provincial e no Concellos da provincia en 12 meses. O encontro, que supón o lanzamento oficial desta iniciativa, será inaugurado polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e pola Secretaria de Estado de Función Pública, Consuel Rumí.
O programa da xornada inclúe, ademais dunha exposición do Innova-TE, varios casos prácticos doutros lugares nos que a implantación da e-administración foi todo un éxito. A Deputación adxudicara definitivamente esta iniciativa á unión temporal de empresas Mnemo-Software AG-Fujitsu no mes de marzo. Esta UTE é a encargada de poñer en marcha o ambicioso proxecto da Deputación, o de maior investimento en TICs feito nunca en Galicia nun só prego: 7 millóns de euros dos que o 70% son fondos FEDER da Unión Europea.
O Innova-TE, que ademais garantirá a creación de emprego directo e indirecto na provincia, é unha iniciativa pioneira en Galicia. De feito, está a ser imitado por outros organimos como a Deputación de Pontevedra. Permitirá ós cidadáns solventar dende Internet os trámites coa administración que agora requiren presencia física, ademais doutros novos, aforrando tempo e diñeiro.
A contratación estivo marcada polos principios de máxima transparencia e publicidade, de tal xeito que, ademais de presentar o programa a todos os posibles licitadores, a convocatoria publicouse en catro publicacións oficiais diferentes: Diario Oficial da Unión Europea, Boletín Oficial do Estado, Boletín Oficial da Provincia e na propia web.