Site icon Crónica3.com A Mariña

Informa o PP que a delegada provincial da Xunta expuxo en Burela os investimentos en portos e confrarías

NOTA DE PRENSA:
Así o explicaron a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias e o voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro nunha xuntanza que mantiveron con representantes das confrarías mariñás hoxe en Burela
A CONSELLERÍA DO MAR INVESTIU MÁIS DE 47,4 MILLÓNS DE EUROS NAS CONFRARÍAS E PORTOS DA MARIÑA LUCENSE

* Os populares subliñan o total apoio do novo Goberno de Galicia a un sector que cualifican de “estratéxico e fundamental dentro do ámbito económico e social da provincia”

* Raquel Arias explicou que dende a toma de posesión do presidente da Xunta, foron investidos en portos da costa lucense preto de 11,7 millóns de euros. Aos que Balseiro Orol engadiu 744.539,40 euros máis en distintas axudas para as confrarías de pescadores da comarca.

A Mariña, 21 de maio de 2010.- Dirixentes do Partido Popular mantiveron no día de hoxe en Burela un encontro con representantes da confrarías de pescadores da nosa comarca nos que avaliaron os investimentos desenvolvidos polo novo Goberno de Galicia ata o momento e adiantaron as principais novidades para o futuro. Na xuntanza, que contou coa participación da delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, ademais do voceiro de asuntos pesqueiros do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro e do xefe territorial da Consellería do Mar, Vidal Martínez-Sierra, deuse conta dun investimento superior aos 47,4 millóns de euros que a Xunta achegou en distintos conceptos en beneficio do sector pesqueiro lucense.

A delegada territorial considerou de grande relevancia o encontro, por canto seerviu para pulsar as necesidades e escoitar as representantes de tódalas confrarías de pescadores da costa de Lugo. “Trátase dunha xuntanza cos representantes dun sector estratéxico e fundamental dentro do ámbito económico e social da provincia”, destacou Arias. Durante a reunión, a representante do Goberno autonómico na provincia afondou nas liñas de axudas que ten en marcha a Xunta para este sector, referíndose tanto ás medidas para apoiar aos traballadores incluídos en axustes da frota pesqueira como ás orientadas para a mellora da produtividade dos bancos marisqueiros. “Ambalas dúas, medidas de calado relevante para o sector pesqueiro da nosa costa lucense”, subliñou Arias.

Raquel Arias quixo salientar que dende a toma de posesión do presidente da Xunta, foron investidos en portos da costa lucense preto de 11,7 millóns de euros. Esta partida mantén case á par o esforzo inversor por parte do Executivo galego con relación a anos anteriores, pese á difícil conxuntura económica actual e ao importante descenso das achegas por parte do Goberno central, que produciu, por primeira vez na historia, unha rebaixa nos orzamentos autonómicos. Neste eido, fixo fincapé os traballos para mellorar os peiraos de Burela e Ribadeo, cuxas instalacións están a ser obxecto dunha importante remodelación.

Exit mobile version