Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentaron as Xornadas Técnicas e o Encontro Empresarial da feira Expomar en Burela

BURELA (FNC) .- Burela acollerá os días 27 e 28 de maio as XVII Xornadas Técnicas Expomar e o XI Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras. O evento foi presentado este mediodía no Concello.

O alcalde e presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano, explicou que “xornadas e encontro empresarial estarán centrados na política común de pesca. As ponencias contarán con expertos na mateira como Juan Carlos Maneiro, Carmen Rodríguez Muñoz, Pilar Pereda Pérez, Carme García Negro, Iria Soto Tejedor ou Pedro Galache Valiente”. Llano asegurou que “hai moitas empresas que xa confirmaron a súa participación no Encontro de Organizacións Pesqueiras, hai un interés claro por abordar os problemas que lle afectan ao sector”.

O evento será inaugurado pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, será o encargado da clausura. O presidente de Expomar considera que “debido á súa calidade e á súa temática xornadas e encontro empresarial serán tremendamente importantes para o sector pesqueiro que se dará cita en Burela”.

Alegacións ao POL

Por outra banda, o rexedor anunciou que o Concello enviará xa a vindeira semana as alegacións ao Plan de Ordenación do Litoral. Alfredo Llano sinalou que “antes xa lle demos copia a todos os partidos con representación no Concello de Burel amais a asociación de veciños por si queren aportar algo máis ás nosas alegacións. A nosa pretensión básica é que o POL quede integrado no plan xeral, para que se complementen e así garantir que o noso desenvolvemento como municipio sexa o máis efectivo posible”. O alcalde engadiu que “tamén é intención do Concello enviar en breve á Xunta o PXOM para que o informen o antes posible”.

Plan Innova-TE

Técnicos da Deputación de Lugo viaxaron de novo estes días a Burela para seguir coa implantación do programa Innova-TE. Alfredo Llano subliñou que “imos renovar a páxina web do Concello para facela máis atractiva e máis informativa que na actualidade. Agardamos tela lista nos meses de setembro ou outubro”.

Exit mobile version