Site icon Crónica3.com A Mariña

Empresarios de hostalería de España coñecen a provincia de Lugo con Km0

LUGO .- O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, recibiu este venres no Pazo de San Marcos a integrantes da Confederación de Empresarios de Hostalería de España dentro de Km0. Malia que hoxe é festivo no organismo provincial por ser día de Santa Rita, padroa dos funcionarios, Gómez Besteiro quixo recibir ós 50 membros da Confederación, quenes fixeron un percorrido polas instalacións da Deputación. Neste senso, explicoulles algunhas das liñas de actuación que está a levar a cabo o organismo provincial para potenciar o sector hostaleiro. É o caso da campaña de promoción de produtos autóctonos Lugo-Sabe. Precisamente, este colectivo foi agasallado con lotes de degustación destes alimentos.

O titular do organismo provincial destacou as marcas de calidade da Deputación, Lug02 e LugoSabe, para as empresas turísticas e de produtos autóctonos das Reservas da Biosfera e do Courel. Preto de 1000 empresas e máis de 100 produtos de 37 Concellos da provincia optan ós distintivos cos que a Deputación busca xerar riqueza, a través da posta en valor dos recursos naturais e do uso das novas tecnoloxías. Así mesmo e dentro do obxectivo de impulsar este colectivo, tamén destacou as xornadas de profesionalización de turismo rural nas que participaron 50 empresas vinculadas a este sector, así como as axudas que concede o INLUDES para autónomos e das que se beneficiaron uns 800 empresarios, entre eles algúns da hostalería.

Un percorrido por Lugo e Guitiriz

Os integrantes da Confederación de Empresarios de Hostalería de Galicia coñeceron a provincia co programa promovido polo organismo provincial, e co que a Deputación demostrou que o medio ambiente é a súa oportunidade económica. Logo de seren recibidos polo Presidente, a comitiva fixo un percorrido polo casco histórico de Lugo. Concretamente, coñeceron o Centro de Interpretación da Muralla e subiron ó Monumento bimilenario. A continuación, desprazáronse ata o Concello de Guitiriz, onde visitaron as fontes termais e o balneario.

Exit mobile version