Site icon Crónica3.com A Mariña

Educación dotara de ordenadores portátiles a 48 centros de Lugo dentro do proxecto Abalar

LUGO .- Un total de 1.872 alumnas e alumnos de 48 centros de Lugo terán en setembro cadanseu ordenador ultraportátil na aula, grazas á implantación do Proxecto ABALAR nos centros educativos da provincia, que vai desenvolver a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. A iniciativa supón un investimento de 1.430.000 euros en equipamento informático, infraestruturas e formación do profesorado, o que demostra a forte aposta que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a facer pola calidade do ensino.

Así o manifestou a delegada territorial de Lugo, Raquel Arias, que presentou hoxe o Plan ABALAR para Lugo acompañada polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira Lema, e o subdirector xeral de Sistemas Informáticos da Consellería de Educación, Carlos Vázquez Mariño.

Previo ao encontro cos medios, os representantes da Consellería de Educación mantiveron unha reunión cos directores dos 48 centros lucenses que participan nesta primeira fase do Proxecto ABALAR. Os primeiros en entrar no proxecto para a implantación das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) o vindeiro curso serán 89 aulas de colexios e institutos. Así, os alumnos e alumnas de 5º de Primaria e 1º da ESO, disporán de cadanseu ordenador ultraportátil. Ademais, o proxecto dotará ás aulas de encerado dixital e ordenador de sobremesa para o profesorado.

Integración da comunidade educativa

A estratexia de implantación das TIC no sistema educativo que está a desenvolver a Consellería de Educación, a través do Proxecto ABALAR vai supor a conversión de colexios e institutos en Centros Educativos Dixitais, o que redundará nun cambio do modelo ensino-aprendizaxe. Isto esixe a adopción e integración das TIC en todos os ámbitos do proceso educativo, a través do fomento da Cultura Dixital, e coa implicación das familias e de toda a comunidade educativa. Para favorecer esta participación, o proxecto disporá dun portal web propio, ‘espazoABALAR’, que será o referente dos servizos educativos en Galicia para toda a comunidade –profesorado, alumnado, familias, ANPAS…-.

Deste xeito, as familias poderán facer un seguimento académico dos seus fillos en ‘espazoABALAR’, grazas a un procedemento de comunicación directa e multicanle cos profesores e titores.

Por outra banda, o espazo destinado aos docentes na plataforma web de ABALAR facilitará a parte administrativa do seu traballo, simplificando procesos como a introdución de datos nos expedientes do alumnado, abrindo novas canles de comunicación cos alumnos, as familias, a dirección do centro e o resto do profesorado. Ademais, a web vai poñer ao seu dispor ferramentas moi demandadas polo profesorado como o ‘Caderno do Profesor’, no que atopará ferramentas para o control da asistencia do alumnado, o diario de clase, as tarefas e traballos asignados aos alumnos, etc. Parte desta información estará tamén dispoñible para as familias, de tal forma que poidan seguir de cerca o desenvolvemento académico dos seus fillos

A súa participación no proxecto vai quedar tamén favorecida polo ‘Repositorio de Contidos Educativos Dixitais’. Trátase dunha ferramenta que permitirá a xestión, difusión e emprego dos recursos educativos desenvolvidos pola comunidade educativa de Galicia para integrar as TIC, e onde se agregarán outros de diferente procedencia (repositorios doutras Comunidades Autónomas, Ministerio ou mesmo internacionais). Isto significa, dunha banda fomentar a colaboración entre a comunidade docente, aproveitando ademais as mellores prácticas desenvolvidas nos centros máis avanzados; e doutra poñer en valor o seu traballo, como actores fundamentais do cambio educativo.

No tocante ao alumnado, ‘espazoABALAR’ permitirá nun futuro novos mecanismos para traballar con estudantes que requiran unha atención especial e diferenciada. Deste xeito, posibilitará a educación a distancia, facilitando o acceso ao ensino a enfermos de longa duración hospitalizados ou nas súas vivendas, persoas con mobilidade reducida, e estudantes con necesidades específicas. Ademais, permitirá un amplo seguimento académico, e a interacción co profesor ou a dirección do seu centro, o que se traduce nun claro fomento da actitude colaborativa.

Unha aposta de futuro

Baseado sobre accións planificadas no ámbito da tecnoloxía, da metodoloxía educativa, e da capacitación dos docentes, a meta final que persegue ABALAR é un cambio integral no modelo educativo, de tal forma que se pase do uso dunha aula específica de informática a que esta sexa parte diaria da actividade en todas as aulas.

No período 2010- 2013 está previsto que se beneficien da modernización do ensino uns 87.000 alumnos de 1.000 centros educativos de toda Galicia, ademais de 15.000 docentes, que recibirán formación específica para o uso das TIC na súa práctica diaria.

Centros Proxecto ABALAR en Lugo

NOME LOCALIDADE CONCELLO
CEIP de Monforte de Lemos Monforte de Lemos Monforte de Lemos
CEIP do Vicedo O Vicedo (Santo Estevo) Vicedo (O)
CEIP Eloísa Rivadulla Chantada Chantada
CEIP Paradai Lugo Lugo
CEIP Santa Rita Galdo (Santa María) Viveiro
CEIP A Gándara Monforte de Lemos Monforte de Lemos
CEIP Xoán de Requeixo Chantada Chantada
CEIP TOTAL 7
CEP Luís Tobío Viveiro Viveiro
CEP TOTAL 1
CPI Dr. López Suárez Friol (San Xiao) Friol
CPI Dr. López Suárez Vilasante (San Salvador) Saviñao (O)
CPI Luís Díaz Moreno Baralla (Santa María Madanela) Baralla
CPI Ramón Piñeiro A Pobra de San Xiao (San Xiao) Láncara
CPI Tino Grandío Guntín De Pallares (San Salvador) Guntín
CPI TOTAL 5
CPR La Inmaculada Lugo Lugo
CPR La Milagrosa Lugo Lugo
CPR María Auxiliadora Lugo Lugo
CPR Ntra. Sra. de la Asunción Sarria Sarria
CPR Nuestra Señora del Pilar Foz (Santiago) Foz
CPR Padres Escolapios Monforte de Lemos Monforte de Lemos
CPR Padres Franciscanos Lugo Lugo
CPR San José Lugo Lugo
CPR TOTAL 8
IES A Pinguela Monforte de Lemos Monforte de Lemos
IES As Mercedes Lugo Lugo
IES da Terra Chá, José Trapero Pardo Ribeiras De Lea (San Xoán) Castro de Rei
IES de Monterroso Esporiz (San Miguel) Monterroso
IES de Palas de Rei Palas De Rei (San Tirso) Palas de Rei
IES de Quiroga Quiroga (San Martiño) Quiroga
IES Fonmiñá Pastoriza (O Salvador) Pastoriza (A)
IES Fontem Albei A Fonsagrada (Santa María) Fonsagrada (A)
IES Francisco Daviña Rey Monforte de Lemos Monforte de Lemos
IES Gregorio Fernández Sarria Sarria
IES Illa de Sarón Xove (San Bartolo) Xove
IES Lama das Quendas Chantada Chantada
IES Leiras Pulpeiro Lugo Lugo
IES Lucus Augusti Lugo Lugo
IES María Sarmiento Viveiro Viveiro
IES Marqués de Sargadelos Lieiro (Santa María) Cervo
IES Monte Castelo Burela Burela
IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes Lugo Lugo
IES Pedregal de Irimia Meira (Santa María) Meira
IES Perdouro Burela Burela
IES Poeta Díaz Castro Lagostelle (San Xoán) Guitiriz
IES Río Cabe Monforte de Lemos Monforte de Lemos
IES San Rosendo Mondoñedo Mondoñedo
IES Sanxillao Lugo Lugo
IES Val do Asma Chantada Chantada
IES Xoán Montes Lugo Lugo
IES Xograr Afonso Gómez de Sarria Sarria Sarria
IES TOTAL 27
TOTAL CENTROS 48
Exit mobile version