Site icon Crónica3.com A Mariña

Directivos da Liga Céltiga Galaica e do comité Bretagne-Galice reuníronse en Mondoñedo

MONDOÑEDO .- Representantes da Liga Céltiga Galaica reuníronse no Seminario de Mondoñedo con membros do comité Bretagne-Galice. Entre os fins desta  entidade atopase estabelecer vencellos entre Bretaña e Galiza de índole cultural, favorecer irmanamentos entre localidades dos dous países, dar a coñecer o bretón e o galego como linguas de comunicación cotiá ou fomentar a asistencia de galegos nos festivais músico-culturais bretóns e viceversa

NOTA DE PRENSA DA LIGA CÉLTIGA GALAICA

O COMITÉ BRETAGNE-GALICE está a facer un percorrido de nove días por Galiza, asistindo a xuntanzas con outras asociacións e promocionando varios eventos e festas do seu país, nomeadamente actos de fomento e defensa da lingua bretoa.

O devandito colectivo conta con varias décadas de existencia e os seus obxectivos son estabelecer vencellos entre Bretaña e Galiza de índole cultural, favorecer irmanamentos entre localidades dos dous países, dar a coñecer o bretón e o galego como linguas de comunicación cotiá ou fomentar a asistencia de galegos nos festivais músico-culturais bretóns e viceversa.

O venres 14 de maio ás 18:00 h., o Comité B-G tivo un encontro coa LIGA CÉLTIGA GALAICA no Seminario de Mondoñedo, alí produciuse un intercambio de impresións verbo das diferentes situacións nas que se atopan ambas as dúas culturas e tracexáronse futuras liñas de colaboración.

Ambos os dous colectivos manteñen lazos de comunicación dende hai tempo mais había anos que non mantiñan unha xuntanza presencial. Por parte do Comité B-G estivo o seu presidente PIERRE JOUBIN e cinco membros máis da directiva, por parte da LCG estiveron MANOEL CAMBA (presidente), JAIME F. CASTRO (responsábel da LCG en Samos) e LIONEL REXES (responsábel da LCG no Valadouro).

Falouse do positivo que resultaría a creación dunha delegación permanente do Comité B-G na Galiza, de facer medrar o número de concellos galegos irmanados con concellos bretóns, da conveniencia de que deses irmanamentos xurda a convivencia entre familias bretoas e galegas, é dicir, facer que nas viaxes de visita entre localidades irmanadas os desprazados non se hospeden nos estabelecementos hostaleiros senón en casas particulares pra fomentar o coñecemento de costumes, gastronomía, cultura, lingua…

Pero por riba de todo manter contacto permanente entrambas dúas asociacións pra coñecer os eventos culturais que teñen lugar nun e noutro país. Asimesmo produciuse un intercambio de publicacións entre o Comité B-G e a LCG, ao final do acto brindouse con viño bretón á saúde dos dous pobos.

Exit mobile version