NOTA DE PRENSA:
A revalorización automática das pensións en función do incremento dos prezos, que hoxe conxela Zapatero, foi unha medida que puxo en marcha o Goberno do Partido Popular cando accedeu á Moncloa a través do Pacto de Toledo
O PP ALERTA ANTE A INCIDENCIA ESPECIALMENTE NEGATIVA QUE TERÁ NA MARIÑA OS RECORTES ANUNCIADOS POR ZAPATERO EN PENSIÓNS, AXUDAS POR NATALIDADE E DEPENDENCIA
· Sinalan aos nacionalistas como cómplices destas políticas de reducción do gasto social dado que durante anos apoiaron os orzamentos de Zapatero e incluso a súa investidura como Presidente do Goberno
A Mariña, 12 de maio de 2010.- Os populares alertaron ante a incidencia especialmente negativa que terá na Mariña lucense os recortes anunciados por Zapatero en pensións, axudas por natalidade e dependencia. O PP comarcal quere amosar a súa preocupación polas medidas anunciadas destinadas todas elas a paliar un déficit público que nace froito da incompetencia e da ineficaz xestión económica do propio Presidente e do conxunto do Goberno socialista. No PSOE volven a demostrar que as súa estratexia anticrise pasa por que sexan os cidadáns os que axuden ao Goberno a saír da crise e non ao revés.
Os populares da nosa comarca sinalan como especialmente negativo o feito de que os xubilados non vexan revalorizadas as súas pensións en función do incremento dos prezos, unha medida que puxo en marcha de xeito automático e garantizou por lei o PP, a través do Pacto de Toledo. Tamén consideran nefasto para a Mariña que se supriman o cheque bebé e limiten as axudas á natalidade. Tampouco favorecerán nada os recortes da lei de dependencia previstos polo Goberno socialista. Os populares lembran que os pensionistas, e as persoas dependentes son colectivos de grande importancia no conxunto da nosa comarca, e os principais prexudicados polos recortes anunciados por Zapatero.
Na opinión do PP comarcal a idea co que o PSOE se enchía a boca nas súas campañas electorais, baseada en garantir o pleno emprego e a prestación de servizos sociais desmóntase na práctica.Os populares consideran que de ter recoñecido a crise antes o PSOE disporía de máis tempo para tomar medidas de corrección meditadas, baseadas en cálculos realistas e non coa rigurosidade propia da improvisación, que lles leva a atacar aos pensionistas e os usuarios dos servizos sociais.
BNG CÓMPLICES DA POLÍTICA DE ZAPATERO
Os populares sinalan tamén ao Bloque Nacionalista Galego como cómplices das políticas da Zapatero e polo tanto corresponsables destes recortes. Lembran neste sentido que o nacionalismo non so apoio os orzamentos do Gobernos socialista durante anos, -deron o seu visto bo ao instrumento básico da política de gasto do Executivo central- senón que incluso o propio BNG apoiou tamén a investidura de Zapatero como Presidente do Goberno. Por iso reclámanlle aos nacionalistas que deixen de criticar e comecen a dar explicacións por todas estas cuestións e a asumir a súa responsabilidade nesta desfeita.
GALICIA PERDE CON ZAPATERO
Os populares están convencidos de que se o Goberno central tivera un déficit do 1% como Galicia e non o 11% como ten nestes momentos, non falaríamos de recortes nin Obama tería que chamar ao presidente do Goberno preocupado polas súas políticas económicas. En opinión dos populares a política económica do Goberno central semella máis a de Grecia que a do Goberno galego. Pero son os galegos e, de xeito especial os que menos recursos teñen os que rematan por sufrir os recortes froito das débedas xeradas polo presidente do Goberno central.