CERVO .- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, anunciou que están en marcha as obras da nova rede de saneamento que o Concello de Cervo está a realizar no lugar de Madeiro, no núcleo rural de Cuíña.
Estas obras pertencen ao Plan de Obras e Servizos provincial e contan cun orzamento de 54.873 euros.
Alfonso Villares salientou a importancia desta actuación “porque nos permitirá ir ampliando e mellorando a nosa rede de infraestruturas básicas en zonas do rural, e deste xeito poder garantir aos veciños que viven nestes puntos uns servizos en igualdade de condicións que nos principais núcleos de poboación do nosos término municipal” dixo.
Villares lembrou que estes traballos forman parte do programa de dotación e mellora de infraestruturas básicas que o Goberno local está acometendo e no cal se integran obras que xa se están en marcha coma as do abastecemento de auga compartida co concello de Burela ou os saneamentos de San Ciprián e Cervo; así coma outras que comezarán pronto coma é o caso do saneamento da Senra, Trasbar ou Figueirido. “Todas estas actuacións, unhas en marcha e outras próximas a iniciarse, suman uns investimentos das distintas administracións con competencias na materia de máis de 13 millóns de euros no noso concello en obras de mellora e ampliación das nosas infraestruturas básicas” recordou.
Tres anos de atraso
O rexedor recoñeceu que esta obra chega “con tres anos de atraso”, pero puntualizou que esta dilación no tempo non foi debida ao Goberno local. Recordou que esta obra estaba incluída nun convenio de colaboración firmado polo anterior presidente provincial, Francisco Cacharro e el mesmo en xullo do 2007 por valor de 194.283 euros, onde tamén estaban tamén figuraban os saneamentos de Casas Novas e Espiñeirido e o cal foi rescindido unilateralmente polos actuais responsables da Deputación.
“O bipartito no Goberno provincial decidiu de xeito unilateral rescindir este convenio e isto ocasionou que as obras non se puideran realizar ata o de agora por ter que buscar outro tipo de financiamento para levala adiante, de aí esta demora en materializalo e o conseguinte prexuízo para os veciños desta zona” sinalou.
O rexedor dixo que “desgraciadamente” non era a primeira vez que este tipo de decisións de rescindir investimentos programados ocorría neste municipio. “Xa sucedeu o mesmo co saneamento de San Cibrao, aínda que neste caso quen rescindeu o contrato foi a anterior Xunta e cuxo nexo de unión co acontecido co convenio provincial é que nos dous casos se trataba de administracións con membros socialistas á fronte”.
En todo caso, Villares felicitouse de poder ter solventado “por fin” esta situación “á que se viron obrigados a padecer tres anos máis do debido os veciños de Madeiro polo capricho dos actuais responsables da Deputación”.