No encontro de hoxe o titular provincial e a responsable do departamento autonómico pecharon os puntos xerais sobre a liquidación da débeda contraída pola Xunta coa Deputación dende o 1 de xaneiro de 2005 ata o 31 de decembro de 2009, quedando por realizar pequenos axustes económicos da anualidade de 2010.
O máximo mandatario provincial subliñou que “nunha situación económica como a actual adelgazamos a propia Deputación de Lugo, o cal se reflectirá no Orzamento de 2011. Non nos temos que adicar a competencias impropias, a unha función que nas últimas décadas non tiña razón de ser. No momento actual hai que apelar á responsabilidade e á utilidade. Hoxe pechamos un episodio anacrónico”.
A transferencia dos hospitais permitirá ofrecer ós pacientes servizos de calidade e racionalizar os recursos públicos. Para a Deputación esta era unha asignatura pendente, polo que o actual equipo de goberno amosou dende o primeiro momento unha vontade decida para sacar adiante o proceso. Neste senso, Gómez Besteiro lembrou que o inicio das negociacións se produciu co anterior goberno da Xunta, “porque para nós este é un proceso querido e saudable, sobre todo en termos económicos e competenciais”.
A xuntanza de hoxe é un acontecemento histórico resultado dunha boa xestión protagonizada polo actual equipo de goberno, o mesmo que desbloqueou e pagou as outras grandes débedas históricas desta provincia como o canon hidroeléctrico, os parques de bombeiros ou a UNED.
Sanitarios e doentes
Tal e como figurará no protocolo que asinarán o responsable provincial e a Conselleira de Sanidade en xuño, só quedarán 22 traballadores que seguirán pertencendo á Deputación. No caso do persoal sanitario do hospital de San José o traspaso producirase no último trimestre de 2010 e, no caso dos profesionais de San Rafael, este realizarase nos primeiros tres meses de 2011, sendo a data máxima o 31 de marzo.
Sobre este asunto, Farjas anunciou que a vindeira semana o departamento que dirixe iniciará os contactos coa Consellería de Benestar para estudar de xeito individual a situación particular de cada enfermo do centro de San Rafael, e definir o procedemento a seguir segundo a súa patoloxía.
Inmobles
Polo que se refire ós inmobles, Gómez Besteiro anunciou que se porá en contacto inmediatamente cos Alcaldes dos Concellos de Lugo e de Castro de Rei, para abordar o seu uso. Deste xeito, subraiou que, no caso das instalacións de Castro Riberas de Lea, a Deputación queda aberta a calquera proxecto, e a súa participación limitarase á cesión do inmoble.