VIVEIRO .- Deputación provincial e Concello de Viveiro inician o proceso de contratación de obras en Viveiro por valor de 1.250.000 euros. Trátase de actuacións que se enmarcan dentro do convenio impulsado polo presidente da Deputación, Gómez Besteiro, e o alcalde de Viveiro, Melchor Roel, e que subscribiu Deputación e Xunta, segundo informan desde a Deputación
Nota de Prensa
Gómez Besteiro e Roel inician o proceso de contratación de obras en Viveiro por valor de máis de 1,2 M€
– As actuacións son froito do convenio entre Deputación e Xunta, e impulsado polo Presidente do organismo provincial e o Alcalde deste municipio
– Gómez Besteiro salienta que “tras a aportación dos proxectos por parte do Concello de forma inmediata licitaremos todas as obras no periodo de 2010 e 2011 para que estén rematadas no vindeiro mes abril”
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, e o Alcalde de Viveiro, Melchor Roel, mantiveron un encontro este martes para poñer en marcha o proceso de contratación de obras neste municipio por valor de 1.250.000 euros. Trátase de actuacións que se enmarcan dentro do convenio impulsado por Gómez Besteiro e Roel, e que subscribiu Deputación e Xunta. O titular provincial salientou que “tras a aportación dos proxectos por parte do Concello de forma inmediata licitaremos todas as obras no periodo de 2010 e 2011 para que estén rematadas no vindeiro mes abril”.
Deste xeito, tres días depois de que a Xunta de Goberno provincial dese o visto e prace ó documento que establece que o Executivo autonómico financiará as actuacións, mentras o organismo provincial se encarga da súa tramitación e execución, Deputación e Concello axilizan os trámites para que, coa máxima celeridade, comecen estas obras que se enmarcan dentro do Plan Extraordinario de Obra Pública, unha iniciativa do organismo provincial, dotada de 60 millóns de euros, e que comeza a desenvolverse na Mariña co obxectivo de manter postos de traballo, e adiantar a saída á crise na provincia.
Pola súa banda, Melchor Roel puxo de relevo a adicación do Presidente co Concello, “xa que con estes e outros proxectos se vai saldar a débeda histórica con este municipio. O Presidente amosa que está cos veciños desta Comarca, e que é receptivo ás peticións dos rexidores municipais. Este acordo co Goberno galego é froito do esforzo de Gómez Besteiro por impulsar a economía de Viveiro mediante a execución de grandes e necesarias obras para o noso Concello”.
O máximo mandatario provicincial salientou que a Deputación dota de servizos públicos a Concellos de todas as cores políticas. Precisamente, a Deputación aprobou o pasado venres un convenio de colaboración coa Consellería de Medio Ambiente para levar a cabo proxectos de urbanización, abastecemento e saneamento nos núcleos barreirenses de San Cosme, San Pedro, San Miguel de Reinante, e Reinante.
Visita ás obras
Este foi o primeiro encontro no que Gómez Besteiro, Lara Méndez, e Melchor Roel supervisaron todos os proxectos que vai executar a Deputación no municipio viveirense. A Comitiva comezou a súa visita na Casa Calvo Sotelo, infraestrutura que conta con 150.000 euros para a reparación da cuberta. Logo, comprobaron o estado do Conservatorio Municipal de Música onde o organismo provincial xestionará actuacións de mellora cun custe de 100.000 euros. A continuación, trasladouse ás localidades de Celeiro e Galdo, onde a Deputación contratará as seguintes actuacións: creación dun campo de fútbol en Lavandeiras (200.000 euros); ampliación e mellora da rede de sumidoiros (150.000 euros).
Asimesmo, o convenio impulsado polo titular do organismo provincial e o rexedor municipal contempla outras obras como: pavimentación e dotación de servizos urbanos nas beirarrúas de Xunqueiras a Magazos (300.000 euros); ampliación e mellora da rede de sumidoiros no lugar de Pallaregas-Covas (100.000 euros); e urbanización e rexeneración do núcleo urbano do Celeiriño (250.000 euros).
Máis de 1,3 millóns
O Presidente da Deputación aproveitou a visita a Viveiro para coñecer o estado doutros proxectos que está a levar a cabo a Deputación neste Concello, e nos que se investiron máis de 1,3 millóns de euros. É o caso das obras de renovación do afirmado dun total de 7 quilómetros das CPs 2604 de Xove por Monte a Valcarría, e 6607 de Infanta a Valcarría, para as que o organismo provincial achegou 540.000 euros; as melloras no vial que une Viveiro e Galdo a dotadas 300.000 euros; e a construción dun campo de herba por valor de 480.000 euros.