Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezaron en Burela as obras de mellora da cuberta no edificio da escola de música e Casa da Xuventude

BURELA (FNC) .- O Concello de Burela comezou as obras de mellora e reposición da cuberta e mantemento do edificio que alberga a Escola de Municipal de Música e a Casa da Xuventude. Unha actuación que suporá un investimento de 45.665,72€ financiados polo Fondo Estatal de Emprego e Sostibilidade Local. O vindeiro luns 10 de maio, si o tempo o permite, retirarase a actual cuberta de fibrocemento polo que se suspenden todas as actividades previstas para esa xornada.

Segundo explica o concelleiro de Obras, Pascual Doménech, “esta obra supón a resolución ás necesidades que presentaba esta cuberta, xa que o actual tellado data da súa construción para parvulario e constaba dun material que hoxe en día está totalmente obsoleto, co agravante de que actualmente presentaba humidades e goteiras que causaban estragos no interior da escola. Ao mesmo tempo, é unha obra necesaria para a conservación e bo funcionamento do edificio”.

O edil socialista sinala que “as obras a realizar consisten no levantamento da cuberta existente e retirada de escombros a un vertedoiro autorizado e a colocación dun novo panel galvanizado con núcleo de lana de roca, complementado coa reposición de todos os canelóns en pvc”. Doménech Gruñeiro subliña que “durante o tempo que dure a obra se tomarán as máximas medidas de seguridade posibles, e de feito, da retirada do actual fibrocemento farase cargo unha empresa especializada. Está previsto que esta actuación se leve a cabo o luns día 10 maio si as inclemencias meteorolóxicas o permiten, polo que se suspenderán durante ese día todas as actividades previstas. De haber cambios, informarase oportunamente a todos os usuarios da escola”.

O concelleiro de Obras considera que “como toda obra, vai causar un trastorno no funcionamento normal das actividades desenroladas polo Concello, polo que pedimos desculpas ao alterar a normal actividade, pero o seu resultado final mellorará a imaxe do edificio e tamén a seguridade dos seus usuarios”.

Actuación na rúa Torques

Pascual Doménech tamén anuncia que “nos próximos días, ao final da rúa Torques, porase unha valla que delimite o desmonte existente dende esa rúa ata o camiño dos Matos, xa que é unha zona moi frecuentada polos usuarios da Escola Infantil e existía perigo evidente de caídas tanto dos nenos que se podían acercar como dos coches que usan a rotonda para facer o xiro de cambio de sentido”.

Exit mobile version