CERVO .- No pleno de mañá da corporación de Cervo está previsto dar conta por parte da alcaldía da solicitude dunha serie de subvencións á Consellería der Traballo e Benestar por valor a 2.229.064 euros para o cofinanciamento de diversos programas e proxectos relacionados cos servizos sociais neste municipio.
A maior parte desta axuda solicitada (1.876.240 euros) é para a construción da futura Residencia e Centro de Día que a Xunta de Galicia ten previsto situar en San Cibrao, o cal foi anunciado pola propia conselleira Beatriz Mato nunha visita ao consistorio cervense hai uns meses. Pola súa parte, o Concello comprométese a investir nesta obra 119.760 euros (o 6% do orzamento total do proxecto) entre os anos 2011 e 2012.
Ao marxe desta importante inversión, o Concello de Cervo tamén solicitará a axuda económica da Consellería de Traballo para manter e mellorar os servizos de carácter social que actualmente se están a prestar neste municipio. Deste xeito, solicitarase una subvención de 25.242,53 euros para os servizos de Axuda no Fogar; 216.576 euros para o funcionamento do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD); 57.630 para a realización de Programas Sociais; 59.323 euros para gastos de persoal e 2.000 para os gastos de mantemento dos Servizos Sociais Comunitarios de Titularidade Municipal.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, dixo estar confiado na boa resposta da Consellería de Traballo e Benestar e asegurou que as achegas solicitadas polo Concello permitirán, por unha banda, poder continuar garantindo a cobertura asistencial en materia de servizos sociais tal e como viña facendo o Concello ata o de agora “e pola outra posibilitará mellorar esta prestación co reforzo de programas e sobre todo coa construción dunha residencia para os nosos maiores, que é algo do que este Concello adoecía nos últimos anos e que por fin vai ser unha realidade en breve” asegurou o rexedor.