Site icon Crónica3.com A Mariña

“Biodiversidade, desenvolvemento e alivio da pobreza”, lema do Día Mundial da Biodiversidade

A MARIÑA .- A Asemblea Xeral da ONU designou o 22 de maio como Día Mundial da Biodiversidade e este ano, o lema da xornada é “Biodiversidade, desenvolvemento e alivio da pobreza”, para subliñar o papel da conservación e boa xestión da biodiversidade no benestar humano, explica ADEGA e recorda que os instrumentos de xestión dos espazos protexidos, chave para garantir a conservación e o uso sustentábel seguen ausentes. A día de hoxe, practicamente ningún espazo da Rede Natura conta con Planos Reitores de Uso e Xestión e mesmo no Parque Nacional das Illas Atlánticas (2002), ou os parques naturais das Fragas do Eume (1997) e Corrubedo (1992) están logo de moitos anos aínda en redacción.

REFERENCIA
Día Mundial da Biodiversidade: Galiza, á cola na xestión dos hábitats e especies protexidas

22 de maio de 2010. En decembro de 2000, a Asemblea Xeral da ONU designou o 22 de maio como Día Mundial da Biodiversidade, para comemorar a sinatura en 1992 do texto da Convención Internacional para a Diversidade Biolóxica en Nairobi (Kenia). Este ano, o lema é “Biodiversidade, desenvolvemento e alivio da pobreza”, para subliñar o papel da conservación e boa xestión da biodiversidade no benestar humano. Fronte ao discurso interesado de que o progreso (sobre todo o de algúns) está enfrontado á protección ambiental, a conservación da biodiversidade pode e debe ser motor do desenvolvemento sustentábel, comezando polos propios habitantes dos lugares protexidos. En Galiza, o territorio cunha das meirandes biodiversidades de Europa, as administracións non souberon estar á altura: ridícula superficie protexida, ausenza de planos de xestión de espazos e especies, proxectos agresivos en espazos de alto valor natural…
Mentres, o número de especies en perigo e de hábitats ameazados continúa a medrar malia á cada vez máis ampla lexislación proteccionista. A conservación da diversidade natural fica sempre ao cabo das prioridades reais e dos compromisos orzamentarios das administracións. Galiza segue tendo a menor superficie en Rede Natura 2000 de todas as autonomías (o 12%)  moi por baixo da media estatal (25%), e a prometida ampliación presentada pola Xunta en 2008 non acaba de chegar.
Por outra banda, os instrumentos de xestión dos espazos protexidos, chave para garantir a conservación e o uso sustentábel seguen ausentes: o retraso na redacción e aprobación dos PORN (Planos de Ordenamento dos Recursos Naturais) e PRUX (Planos Reitores de Uso e Xestión) é escandaloso, por no falar dos Planos de Conservación e Recuperación das especies ameazadas, práticamente inexistentes, e do feble compromiso na loita contra as especies invasoras.
Estes documentos, que debería redactar a Xunta nun prazo de dous anos após da declaración de espazo protexido, son vencellantes para todas as administracións con competencias (hidráulicas, de costas, enerxéticas, etc.). A día de hoxe, practicamente ningún espazo da Rede Natura conta con PRUX e mesmo no Parque Nacional das Illas Atlánticas (2002), ou os parques naturais das Fragas do Eume (1997) e Corrubedo (1992) están logo de moitos anos aínda en redacción.
“Non vimos a prohibir, senón a ordenar” proclamaron Feijóo e Hernández a respeito do litoral. Mais a realidade dos espazos protexidos é que por non estaren ordeados, só están protexidos no papel, polo que nosa biodiversidade e o noso patrimonio natural fican ao abeiro dos intereses económicos. Deste xeito, proxectos acuícolas, eólicos, mineiros ou hidráulicos, ao non estar expresamente excluidos nos preceitivos PRUX (porque non existen) poden implantarse en espazos protexidos cunha simples declaración de impacto favorábel, moitas delas de dubidoso rigor e con escandalosas omisións. Tal aconteceu cos aproveitamentos hidroeléctricos do Sil (Santo Estevo II), coa liña de alta tensión Trives-Aparecida, coas canteiras e parques eólicos do Xistral ou coas piscifatorías de Cabo Vilán, Rinlo, e Touriñán.
E nos espazos que deberían integrarse na Rede Natura, segundo a proposta que a Xunta elaborou en 2007, proxectos como canteiras e minas van reducindo as posibilidades de contarmos cunha Rede Natura coerente, á altura da nosa riqueza natural.
ADEGA demanda da Xunta de Galiza que aprobe xa a proposta de ampliación da Rede Natura redactada en 2008 e declare unha moratoria para as actividades extractivas, parques eólicos, piscifatorías e demáis aproveitamentos industriais e infraestruturas mentres non se aproban os preceitivos instrumentos de xestión e o Plano Director destes espazos.
O contrario suporía unha escandalosa complicidade da administración coa política dos feitos consumados e un intolerábel agravio comparativo para a cidadanía en xeral e os habitantes dos espazos protexidos que ven como limítanse os seus usos e impídese o seu desenvolvemento mentres piscifatorías, canteiras, encoros e eólicos teñen patente de corso para arramplar coa nosa biodiversidade.

Exit mobile version