A concelleira de Mar, Remedios López, sinala que “cada restaurante ofrecerá varias degustacións como mousse de pescada á galega con algas, pescada en salsa de ourizo e algas, pescada en salsa vermella, cóctel de pescada, pescada á cazola, pescada á mariñeira, pizza de pescada, papillots de pescada, pescada rechea de marisco, etc, etc. Serán 14 restaurantes Parrillada de Jandro, Mesón do Poeta, La Bodeguilla, Os Remos, O Sargo, Don Jamón, Miranda, Palacio de Cristal, Hamiltón, Mesón de Carlos, A Marquesa, A Facenda, PizzBur e Cervecería Kiko. Todos eles colaboran co Concello de Burela para fomentar o consumo de peixe”. Armadores de Burela agasallará cunha pescada do pincho a todos os establecementos participantes nesta cita. O prezo da ración será de 6 euros.
A edil socialista subliña que “se distribuirán tamén de forma gratuíta 4.000 exemplares de libro Os sabores do noso mar adicados á pescada do pincho de Burela. Será o venres 28 ao comprar o periódico La Voz de Galicia. Estes libros, que causan grande interese na poboación, servirán para promocionar os restaurantes colaboradores e para que nas casas particulares poidan cociñar eses saborosos pratos os que non se puideron achegar a estas xornadas gastronómicas de Burela”.
Remedios López convida “a toda a xente da Mariña e do resto da provincia a achegarse a Burela estes tres días a gozar e gozar do consumo de peixe fresco que é algo moi saudable”.