A MARIÑA .- Durante o sábado e o domingo unha trintena de mulleres e homes da Mariña asistiron no Balneario de Lugo á I Escola de Formación Feminista Corona González. A actividade, organizada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade, buscaba articular un espazo de diálogo e reflexión desde un enfoque de xénero sobre cuestións actuais, como a importancia do movemento feminista no mundo en Galiza, a saúde e a medicina, así como as violencias de xénero visíbeis e invisíbeis. Os obradoiros formativos complementáronse con actividades de benestar relacionadas coas augas termais, e así as case 30 persoas participantes puideron gozar de circuítos termais que incluíron sauna seca, sauna húmida, contrastes de auga fría e quente, piscina termal, jacuzzi e sillóns térmicos nos que se aplicou un bálsamo relaxante. Amais, o grupo aproveitou para facer unha visita cultural ás termas romanas milenarias, ubicadas na parte baixa do balneario.
O balance destes dous días realizado por Luísa González, presidenta do Observatorio da Mariña pola Igualdade, é que se tratou dun encontro “moi positivo, gratificante e enriquecedor non só para o propio Observatorio, senón tamén para todas e todos os asistentes, a xulgar polas valoracións tan optimistas que nos transmitiron na folla de avaliación final”. Unha constante nas valoracións das e dos participantes é que, segundo González, “as persoas que participaron nesta primeira edición manifestaron que lles gustaría repetir a experiencia, alongando ademais o tempo de estadía no balneario así como o tempo dedicado aos debates e foros de reflexión, que a moita xente se lles fixeron curtos”, explicou. Por ese motivo, nas súas palabras, “a segunda edición da Escola de Formación Feminista Corona González xa figura no cronograma de actuacións do Observatorio. A propia consolidación da actividade contribuirá tamén ao noso obxectivo de darlle máis visibilidade á figura de Corona González, unha intelectual galega de comezos do século XX cunha clara conciencia feminista e nacional, e moi vinculada á vila de Ribadeo, cuxo importante labor fica aínda no esquecemento”.