Nota de Prensa
O Concello de Viveiro é o único dos municipios galegos nos que está prevista a apertura dunha residencia de persoas maiores que ainda non ten ratificado en pleno a cesión do terreo á empresa SOGASERSO
A CONSELLEIRA DE TRABALLO E BENESTAR CONFIRMA AO DEPUTADO BALSEIRO QUE O ALCALDE SOCIALISTA DE VIVEIRO
BLOQUEA A APERTURA DA RESIDENCIA DE VIVEIRO
* Preto de 200 persoas maiores (150 en residencia e 50 máis no centro de día) están á espera de beneficiarse deste novo servizo de benestar que podería xerar entre 70 e 80 empregos
Santiago, 04 de maio de 2010.- A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato mantivo no día de hoxe unha xuntanza co deputado do Partido Popular e Secretario da Mesa do Parlamento de Galicia Jose Manuel Balseiro Orol na que lle confirmou que o alcalde de Viveiro, o socialista Melchor Roel, mantén bloqueada a apertura da nova residencia para persoas maiores desta localidade, pese a que a súa construción xa rematou fai meses.
O Concello de Viveiro é o único dos municipios galegos nos que está prevista a apertura dunha residencia de persoas maiores que aínda non ten ratificado en pleno a cesión do terreo á empresa SOGASERSO participada polas caixas de aforros galegas e titular do novo centro. Tantos as corporacións municipais de Ourense e Vimianzo xa fai meses que adoptaron este acordo.
TRÁMITE IMPRESCINDIBLE
O devandito trámite é condición imprescindible e necesaria para que a nova residencia de Viveiro poida abrir as súas portas. Melchor Roel coñece da necesidade de realizar este trámite desde o 21 de xaneiro de 2010, data na que tivo lugar unha reunión do alcalde con responsables de SOGASERSO e malia todo, e aínda que o Concello de Viveiro celebrou varias sesións plenarias nestes catro últimos meses, o acordo proposto aínda non formou parte de ningunha das ordes do día.
Preto de 200 persoas maiores -150 delas na praza de residencia, e 50 máis no centro de día- están á espera de beneficiarse deste novo servizo de benestar que ademais está previsto que xere entre 70 e 80 empregos. Segundo Jose Manuel Balseiro a situación de bloqueo na que se atopa a apertura da residencia por expresa decisión do alcalde socialista “é resultado dun comportamento pouco digno dun cargo público e supón un grave desprezo a todas esas persoas e familias que precisan facer uso dunha praza de residencia ou centro de día”. Balseiro empraza a Melchor Roel e ao seu equipo de Goberno “a non perder un día mais a adoptar de xeito urxente o acordo plenario que faría posible axilizar a apertura inmediata da residencia”.
ROEL MÁXIMO RESPONSABLE
O parlamentario do Partido Popular de Galicia insiste sinala directamente a Melchol Roel como “máximo responsable da paralizar os servizos sociais no só do seu concello senón do conxunto da comarca” e indica que, contrario a esta actitude, o novo Goberno da Xunta “continúa traballando arreo polo benestar e a mellora da calidade de vida dos galegos e, de xeito especial, daqueles que necesitan o amparo e a colaboración das administracións, como neste caso son as persoas maiores e dependentes”.
PRAZAS 100 PÚBLICAS
A devandita reunión coa conselleira de Traballo e Benestar tivo lugar na mañá de hoxe despois de que o deputado popular se interesase pola apertura da residencia de Viveiro. Beatriz Mato confirmoulle tamén neste encontro que a totalidade das prazas desta nova residencia serán sostidas con fondos 100% públicos.