RIBADEO (FNC) .- Ribadeo será lugar de parada ao longo deste verán do expreso La Robla, un tren de luxo de Feve que irá de Xixón a Santiago no denominado itinerario xacobeo. Este novo produto turístico foi presentado esta mañá na Deputación Provincial de Lugo pola vicepresidenta terceira, Mª Xosé Vega, por responsables de Feve e polo alcalde de Ribadeo.
Fernando Suárez sinalou que “esta nova ruta de tren turístico que fará escala en Ribadeo tanto á ida como á volta supón unha axuda máis por parte da Deputación de Lugo ao Concello para promocionar e fomentar este tipo de turismo de cercanías que tan bos resultados nos está dando. A través de Feve moita xente dun radio de distancia non moi lonxe de nós acudirá á Mariña de Lugo e concretamente a Ribadeo”.
O rexedor anunciou que “esta liña de actuación verase intensificada para o ano que ven con outra iniciativa singular de cara ao tren Porta Norte para que sigamos a ser lugar de destino dos turistas que utilicen o ferrocarril de vía estreita”.
Os turistas do expreso La Robla pernoctarán en Ribadeo os días 24 de xuño, 1, 8, 15, 22 e 29 de xullo, 5, 12, 19 e 26 de agosto e 2 e 9 de setembro, iso polo que ao viaxe de ida se refire que da comezo os xoves. Á volta que será os domingos os viaxeiros almorzarán en Rinlo e visitarán tamén o faro e o antigo cargadeiro de Ribadeo.