NOTA DE PRENSA
APROBADA UNHA INICIATIVA SOCIALISTA PARA MELLORAR AS INFRAESTRUCTURAS NO PORTO DE MIRASOL EN RIBADEO
– O deputado do PSdeG-PSOE Ismael Rego advirte que nos últimos tempos a factoría ENCE-NAVIA manifestou a necesidade de contar con máis infraestructuras no dito porto para desenvolver as súas tarefas, basicamente de embarque de pasta de papel, debido o incremento da súa producción e por ende tamén de almacenamento
Santiago , 7 de maio de 2010. O deputado do Grupo Parlamentario do PSdeG-PSOE Ismael Rego interveu hoxe, na Comisión 8º do Parlamento, para reclamar á Xunta adoptar as medidas necesarias e realizar as xestións que sexan precisas para a mellora e a ampliación das infraestructuras e os equipamentos do peirao comercial de Mirasol en Ribadeo, incluíndo as posibilidades de mellora da accesibilidade ao recinto portuario. A iniciativa, que foi transacionada, foi aprobada por unanimidade.
O deputado socialista amosou a súa satisfacían polo acordo acadado.
Rego lembra que a factoría de pasta de papel ENCE-NAVIA utiliza dende a súa posta en marcha o porto de Ribadeo como centro de transporte marítimo para o traslado da súa producción e das materias primas que utiliza.
O deputado explica que esta situación converteu o porto de Ribadeo nun dos máis importantes dos de competencia exclusiva da nosa comunidade autónoma en canto ao volume do tráfico comercial. Relata que nos últimos anos foi necesario acometer nel distintas melloras e dotalo dos equipamentos mínimos imprescindibles para poder garantir a competitividade das súas instalacións, en concordancia coas demandas dos axentes que as utilizan para o desenvolvemento da actividade que nel realizan.
Advirte que nos últimos tempos a factoría ENCE-NAVIA manifestou a necesidade de contar con máis infraestructuras no dito porto para desenvolver as súas tarefas, basicamente de embarque de pasta de papel, debido o incremento da súa producción e por ende tamén de almacenamento. Infraestructuras e equipamentos coas que o porto non conta na actualidade e sería aconsellable dotalo delas no prazo máis breve posible dado o volume de actividade que nel se desenvolve.
Texto aprobado hoxe, por unanimidade, na Comisión 8ª do Parlamento, sobre o Porto de Mirasol en Ribadeo:
O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia, a:
1º.- Continuar adaptando as medidas, e a realizar as xestións precisas para a mellora e ampliación das infraestructuras e equipamentos do peirao comercial de Mirasol en Ribadeo.
2º.- Demandar do Ministerio de Fomento a decisión e investimento preciso, para a dotación dun apeadeiro de carga e descarga no polígono industrial de Ribadeo co obxectivo de convertelo nunha área loxística do Porto de Mirasol.