Site icon Crónica3.com A Mariña

Afirma o PP que a Xunta construirá 10 vivendas de promoción pública en Ourol

NOTA DE PRENSA:
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas responde por escrito a unha iniciativa dos deputados mariñás do PPdeG Jose Manuel Balseiro e Emma Álvarez Chao

A XUNTA INVESTIRÁ 1,2 MILLÓNS DE EUROS NA CONSTRUCIÓN

DE DEZ VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA

NO CONCELLO DE OUROL

* O Instituto Galego de Vivenda e Solo desenvolverá estas novas residencias nos terreos que para tal fin ofreceu o Goberno municipal que preside o popular Marcial Sanjurjo.

* Este investimento contrasta co acontecido na pasada lexislatura durante a cal a promoción pública de vivenda na Mariña desapareceu.

Santiago, 25 de maio de 2010.- A Xunta de Galicia confirmou a través dunha resposta por escrito ao deputado do PPdeG Jose Manuel Balseiro Orol que investirá arredor de 1,2 millóns de euros na construción de dez vivendas de promoción pública no concello lucense de Ourol. O Instituto Galego de Vivenda e Solo promoverá estes novos desenvolvementos residenciais nos terreos ofrecidos polo Goberno municipal que preside o popular Marcial Sanjurjo e cuxa cesión efectiva está actualmente en tramitación.

Deste xeito, indica o deputado do Grupo Popular, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas aposta por facilitar a compra ou aluguer dunha vivenda a prezos accesibles nun concello o de Ourol que, segundo o seu padrón municipal actualizado a xaneiro de 2009, ten 1.216 veciños e nos que este tipo de investimentos contribuirá a fixar poboación.

O deputado Balseiro Orol quixo salientar contraste que estes compromisos implican co acontecido na pasada lexislatura durante a cal a promoción pública de vivenda na Mariña lucense desapareceu. Os actuais responsables da Xunta traballan para, na medida do posible e tendo en conta as restriccións orzamentarias, desenvolver políticas que favorezan o acceso dos cidadáns ao dereito, constitucionalmente garantido, dunha vivenda digna e adecuada. Ao igual que no resto de España, pero en maior medida, o incremento do prezo da vivenda foi exponencial nestes últimos anos nas bisbarras da Mariña lucense. Un incremento ao que ademais agora debemos engadir os efectos perniciosos das proxectadas subas de impostos por parte do Goberno socialista central, que contribúen a diminuír a renda dispoñible dos veciños e polo tanto facer aínda máis complicado que poidan acceder a unha vivenda en aluguer ou propiedade. Decisións como a adiantada pola Xunta na súa resposta oficial, sobre a construción de novas vivendas en Ourol servirá para combater esta problemática.

GABINETE DE COMUNICACIÓN DO GRUPO PARLAMENTARIO POPULAR DE GALICIA

Exit mobile version