Nota de Prensa
Os deputados do BNG no Parlamento de Galicia votaron repetidamente en contra das melloras sanitarias neste concello e son cómplices da xestión da anterior Consellería de Sanidade
O PP LÉMBRALLE AOS NACIONALISTAS QUE DURANTE TODA A PASADA LEXISLATURA NEGARONLLE A FOZ O SERVIZO DE URXENCIAS 24 HORAS
* Pola contra o PP cumpre os seus compromisos e dotará ao centro de saúde dunha ambulancia medicalizada que garante a asistencia médica inmediata ante calquera incidencia
Foz, 11 de maio de 2010.- O Partido Popular, a través do seu portavoz, Pedro Fernández Manín, quere lembrar aos nacionalistas locais, que durante toda a pasada lexislatura o BNG negoulle a Foz o servizo de urxencias 24 horas que agora demandan. De feito, os deputados do BNG no Parlamento de Galicia votaron repetidamente en contra das iniciativas que o P.P presentaba solicitando que se cumpriran as melloras sanitarias que eles mesmos tiñan prometido por escrito a todos/as os veciños e veciñas de Foz polo que son cómplices do esquecemento e da mala xestión que protagonizou nos pasados catro anos a Consellería de Sanidade. O voceiro popular salienta que, curiosamente, durante todo este tempo, os nacionalistas locais que agora parecen indixestarse coa boa nova en materia sanitaria, gardaron silencio, e foron incapaces nin tan sequera de dotarlle a Foz desta ambulancia que si fará realidade o Partido Popular.
Fernández Manín quixo destacar que a nova ambulancia medicalizada garantirá a asistencia médica inmediata ante calquera incidencia. A mellor demostración da vontade positiva dos populares a favor da cobertura das urxencias médicas é que grazas a Xunta popular, calquera que precise da asistencia dun facultativo e dun enfermeiro poderá acceder a este servizo grazas á UVI móbil, que ademais, en función da gravidade do doente, poderá asistilo tamén durante o traslado ata o Hospital da Costa.
Os populares locais sinalaron tamén que sempre defenderan o que os veciños/as de Foz necesiten. Coma queda demostrado co investimento previsto para a posta en marcha deste servizo que ascende a 900.000 euros e inclúe as obras a realizar no centro para que a base permanente sexa no propio centro de saúde. Ademais Foz formará parte do elenco de 10 cidades galegas que dispoñen deste servizo