Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta prorroga un aval de 2,24 millóns de euros a transportes Témega para a súa viabilidade

SANTIAGO.- O Consello da Xunta acordou autorizar a Consellería de Economía e Industria a concesión dunha prórroga de dous anos na vixencia do aval financeiro polo importe de 2,24 millóns de euros concedido polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) en 2008 ao Grupo Támega, S.L., para que poida completar o desenvolvemento do plan de viabilidade que está a impulsar esta sociedade, que emprega na actualidade a 140 traballadores.

NOTA DE PRENSA:

ECONOMÍA E INDUSTRIA PRORROGA UN AVAL DE 2,24 MILLÓNS DE EUROS AO GRUPO TÁMEGA PARA COMPLETAR O DESENVOLVEMENTO DO SEU PLAN DE VIABILIDADE

*

A empresa poderá incrementar, así, o período de carencia para a amortización do principal do préstamo avalado polo Igape
#
# O Grupo Támega, especializado en transporte de mercadorías, emprega 140 traballadores
A liña de avais do Igape é un instrumento do Goberno da Xunta habilitado para que as empresas galegas viables poidan consolidar a súa actividade e manter o emprego, dúas prioridades do Goberno galego

O Consello da Xunta acordou autorizar a Consellería de Economía e Industria a concesión dunha prórroga de dous anos na vixencia do aval financeiro polo importe de 2,24 millóns de euros concedido polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) en 2008 ao Grupo Támega, S.L., para que poida completar o desenvolvemento do plan de viabilidade que está a impulsar esta sociedade, que emprega na actualidade a 140 traballadores.

Coa prórroga a empresa poderá incrementar o período de carencia do préstamo bancario de 3,2 millóns de euros avalado polo Igape e destinado á reestruturación de pasivos. Esta operación permitirá á empresa aprazar dous anos máis o período de carencia na amortización do principal, o que lle facilitará o acceso ao financiamento adicional para circulante, para pagamento de provedores e obtención de liñas de confirming.

O Grupo Támega xurdiu da fusión de varias empresas familiares de transporte de mercadorías con base no norte de Lugo, e constitúe na actualidade unha das principais empresas galegas do sector, tanto polo seu número de vehículos como pola súa oferta de rutas por toda a zona norte de España.

Coa prórroga do aval concedido polo Igape, a empresa obtén máis facilidades para a devolución do préstamo avalado, ao incluír a operación un prazo adicional de dous anos de carencia para a amortización do principal. Deste xeito, e mediante a consecución de financiamento adicional, o Grupo Támega poderá concluír o desenvolvemento do seu plan de viabilidade para consolidar a continuidade da empresa e o mantemento do cadro de persoal.

Neste sentido, cómpre sinalar que, xunto cos programas re-Brote e re-Solve, a liña de avais do Igape é un instrumento habilitado polo Goberno da Xunta para que as empresas galegas viables poidan obter financiamento e cubrir as súas necesidades de circulante ou para refinanciar os seus pasivos a curto prazo. O obxectivo é consolidar a actividade empresarial e manter o emprego, que son dúas prioridades do Goberno galego.
O programa financeiro da Consellería de Economía e Industria está orientado, en gran medida, a facilitar apoios á viabilidade e a continuidade das empresas mediante instrumentos tan específicos como os avais, destinados a compartir riscos cos empresarios e facilitar o financiamento para reestruturar pasivos, ou para circulante.

Exit mobile version