BARREIROS (FNC) .- En Barreiros están desde hoxe os 250 composteiros que se distribuirán entre os cinco Concellos que participan nun programa piloto de compostaxe doméstica no ámbito rural posto en marcha por Sogama. Son os de Alfoz, Barreiros, Cervo, Lourenzá e Trabada.
O edil de Medio Ambiente en Barreiros, José Manuel Gómez Puente, asegura que “a cada Concello nos corresponden 50 composteiros. No noso caso imos repartilos entre os veciños participantes a vindeira semana”. Mañá venres 7 de maio haberá unha charla informativa sobre a compostaxe doméstica a partires das 20 horas no centro sociocultural Manuel Díaz Sampedro.
Cada composteiro terá 400 litros de capacidade para transformar en compost a materia orgánica xerada nos fogares, un abono natural con excelentes propiedades para o solo que pode ser empregado nos propios hortos e xardíns das familias participantes. Este programa piloto conta cun investimento aproximado duns 60.000 euros, dos que Sogama costea o 50% e o resto correspóndelle aos Concellos.