Site icon Crónica3.com A Mariña

A Uxío Novoneyra

Tiven o gusto de coñecer a Uxío Novoneyra cando a A. C. Lumieira organizou un curruncho literario no Silfo, de Carballo, para homenaxear ao poeta do Caurel. Persoa pouco dada a conducir, solicitáronme que o acompañara desde Compostela ata Carballo, tanto á ida como á volta. Xa que logo, aquel mércores dez de febreiro de 1988 puiden coñecer a un dos máis grandes poetas da paisaxe da historia da literatura galega.

Naceu en Parada de Moreda, un lugar da parroquia de San Xoán de Seoane do Caurel, no seo dunha familia labrega. Desde moi novo mostrou as súas habilidades intelectuais, mais un muro en forma de mestre á vella usanza impediulle despuntar ata que se desprazara a cursar estudos a Lugo. Foi alí onde coñeceu a Manuel María, a Luis Pimentel e a María Mariño. Tras obter o título de bacharelato matricularíase por libre na Facultade de Filosofía e Letras en Madrid.

Da man de Ramón Piñeiro, o filósofo da saudade, el e outros escritores mozos puideron establecer o vínculo cos valores culturais do galeguismo dos anos da República, da Xeración Nós e do Rexurdimento, tan en perigo tras dúas décadas de ditadura franquista. Tamén da man dun ilustre ribadense, Gamallo Fierros, acabou animándose a escribir. Precisamente neste días aínda se pode contemplar unha exposición no Instituto Gamallo Fierros de Ribadeo que evoca esta época da vida do poeta do Caurel.

A poesía de Novoneyra inscríbese na lírica paisaxística que se puxera en marcha con Noriega Varela, se ben está enriquecida cun acento propio moi seu. En “Os Eidos”, a súa poesía é palabra que procede das raíces mesmas do seu pobo. O que lle aporta Uxío é un coidado uso da linguaxe, froito da lectura intensa de moitos poetas na procura dunha fusión con todos eles.

Pero a súa poesía tamén foi compromiso. Nalgúns poemas recollidos en “Do Caurel a Compostela” a vivencia da paisaxe é a base dunha denuncia social. Así mesmo, no poema “Letanía de Galicia” mostra esa profunda preocupación social e política polo seu país, pola súa paisaxe, pola súa lingua. A mellor homenaxe que lle podemos facer a Uxío Novoneyra e volver a ler os seus poemas. E facer con el o percorrido desde o Caurel, desde Bergantiños, desde Tui, desde Ribadeo ata Compostela cantas veces for preciso. Sempre con espírito de unidade, sen afán de protagonismo; todos cunha idea clara: a procura do obxectivo común de defendermos a nosa lingua.

Exit mobile version