RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, fai unha valoración moi positiva dos primeiros días da quinta edición do concurso Ribadeo de tapeo por afluencia de visitantes e por número de tapas vendidas. O rexedor considera que iniciativas coma esta consolidan a Ribadeo como lugar de compras e de ocio e como lugar axeitado e agradable para vivir.
Suárez Barcia dixo que “a día hoxe e despois de ter participado como cliente nalgúns dos 49 establecementos que están a ofertar as súas tapas e despois de consultar a varios dos restauradores a sensación de todos é francamente positiva. Dinme que é moi importante o número de tapas vendidas, o número de persoas de Ribadeo, da Mariña e do Occidente asturiano que acoden a este evento consolidado como ningún outro, sen parangón e sen rival, aínda que nos últimos anos se vaian facendo eco noutros sitios das iniciativas que creamos aquí en Ribadeo”.
O rexedor ribadense sinalou que “como cada ano queremos ir a máis, queremos facer máis cousas e facelas mellor, este ano pasamos de 30 a 49 participantes, e a parte das tapas quixemos poñerlle unha guarnición de animación da Escola Municipal de Música e Danza, de diversos concursos como microrelatos e fotografía, un concurso de cociña creativa para ir enriquecendo toda esta longa semana de Ribadeo de tapeo, ao que todas estas actividades lle dan un impulso tanto na hostalería como no comercio porque tamén fixemos algunhas cousas en conxunto co Centro Comercial Aberto. A pesares de que onte houbo día de praia, os bares que participan nesta iniciativa estaban repletos e eso é moi importante para nós”.
Fernando Suárez manifestou que “durante estes días un xurado xa está a ir de incógnito por todos os establecementos para facer unha preselección, non diremos cales son os finalistas porque queremos que o público siga indo a todos os participantes neste concurso aínda que despois os finalistas sexan pouquiños e os gañadores sexan os que teñan que ser. Parécenos moi importante tamén este ano o premio aos larpeiros de ouro, dado que o número de establecementos é tan grande que vai ser un mérito que alguén poida facer a ruta enteira. Moitos dos establecementos a maiores deste concurso se esforzan por facer degustacións tanto de comida como de bebida e esto denota un sector puxante, importante e con estas iniciativas estamos conseguindo éxito un ano máis”.
O alcalde considera que “esto consolida a Ribadeo como lugar de ocio, de compras, para tomar os viños, para pasear, en definitiva un lugar axeitado e agradable para vivir”.