Site icon Crónica3.com A Mariña

A Liga Céltiga Galaica propón creación dun centro de estudos locais da bisbarra do Valadouro

VALADOURO .- A Liga Céltiga Galaica propón creación dun centro de estudos locais da bisbarra do Valadouro e animan aos concellos do val a traballar en conxunto cara a creación dun CEL, unha institución na que gardar a memoria, divulgala e mesmo aprender dela, unha entidade na que os dous entes municipais fundan esforzos para que a bisbarra do Valadouro alume, arquive e dea a coñecer a súa historia e cultura local.
Nota de Prensa
UN CENTRO DE ESTUDOS LOCAIS DO VAL

Varios concellos e mesmo algunha bisbarra van rexistrando a súa historia e máis as súas investigacións nun Centro de Estudos Locais (CEL), trátase de institucións auspiciadas polos propios concellos ou xurdidas do interese veciñal en forma de entidade privada.

Estudos Mindonienses, Seminario de Estudos Terras de Viveiro, Instituto de Estudos Chairegos, Centro de Estudos do Corgo… Son exemplos de poboacións que desexan atesourar a pegada do pasado en publicacións, exposicións, arquivos fotográficos e documentais, etc., asemade van gardando testemuño do tempo presente: Eventos locais, celebracións, conmemoracións, mudanzas sociais…

Un CEL da bisbarra do Valadouro levaría a cabo unha pescuda e recolleita de todas aquelas obras literarias vencelladas ao noso val, quer pola temática, quer pola orixe do autor, é dicir, unha procura dende antes de Celestino Cabarcos Suárez até Francisco Casavella, pasando por Rita Geada. Poñemos o exemplo da literatura por ser o máis doado (o val é berce dunha manchea de escritores) pero a recolleita tería que beber de todas as fontes da arte; pintura, escultura, danza, banda deseñada…

A confección dun dicionario urxente -ou mesmo dun dicionario enciclopédico- da cultural local sería outra das tarefas do CEL, un volume onde poder procurar unha referencia ao Cruceiro de Vao, á Sociedade El Valle de Oro ou ao xornal Juventud de Alaje; un compendio de datos do noso val onde aparezan persoeiros como Juan R. Álvarez, Fernández Mato, ou Ramón Pedrosa y Andrade; un libro onde figure a data de publicación de Cóxegas, cantas escolas habaneiras hai na bisbarra ou que nos conte que en Correlos houbo un centro de detención de presas políticas durante a Guerra Civil.

Cantos valecos saben que existe unha fotografía na que aparecen Castelao e Ramón Piñeiro con cadansúa dona diante do castelo do Castrodouro? Ou que o valeco José Orol figura con letras de ouro na historia do cinema mexicano?

Os CEL adoitan manter unha publicación na que van dando conta periodicamente do froito da súa esculca, un soporte gráfico no que os investigadores (espontáneos, ocasionais ou ligados á entidade) reflicten achádegos, conclusións, matizacións de estudos anteriores…

Dende a LCG animamos aos concellos do val a traballar en conxunto cara a creación dun CEL, unha institución na que gardar a memoria, divulgala e mesmo aprender dela, unha entidade na que os dous entes municipais fundan esforzos pra que a bisbarra do Valadouro alume, arquive e dea a coñecer a súa historia e cultura local.

Artigo publicado no número 63 (correspondente a maio do 2010) da revista O Prado das Chantas.

Exit mobile version