Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación presentou a “III Volta ciclista ás comarcas de Lugo”

LUGO .- O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antón Bao, presentou a III Volta Ciclista ás Comarcas de Lugo – Gran Premio Deputación – que se desenvolverá os días 28, 29 e 30 de maio en varias zonas da Mariña, Lugo, Ancares e Monforte. O Pazo de San Marcos acolleu esta presentación na que, ademais do vicepresidente nacionalista, estivo acompañando a este o delegado de Cultura e Deportes da Deputación, Antonio Veiga, así como o presidente da agrupación organizadora Club Ciclista Cidade de Lugo, Eugenio Paz Fernández, xunto aos representantes dos concellos onde parten as etapas (a excepción do de Monforte de Lemos, que non puido acudir e desculpou a súa ausencia) como o alcalde de Mondoñedo, Orlando González, ou o concelleiro de Turismo e Deportes de Lugo, Xosé Manuel Grandío, e Santiago Seijas Alfonso, director da proba.

Na súa intervención, Antón Bao auguroulle un prometedor futuro a este campionato logo do “gran éxito acadado nas súas primeiras dúas edicións e que, de seguro, se repetirá este ano”. Nesta liña, o vicepresidente da Deputación de Lugo lembrou que un dos obxectivos da Área de Deportes desta entidade é o de “fomentar a práctica do deporte, sexa cal sexa a súa disciplina, en todas e cada unha das comarcas lucenses”. Así, o nacionalista resaltou que “seguimos traballando para descentralizar a práctica e a organización de determinados eventos deportivos”, un feito que suporá “un forte impulso socioeconómico” para as zonas nas se poñan en marcha este tipo de iniciativas. Bao tamén lembrou que se disputa unha etapa pola comarca dos Ancares no Courel, como unha especie de homenaxe deportiva no recordo do poeta de alí homenaxeado este ano polo día das letras galegas, Uxío Novoneyra.

Antonio Veiga, delgado de Cultura e Deportes da Deputación de Lugo, secundou as palabras de Bao e afirmou que “nas comarcas de Lugo, e de Galiza por extensión, contamos cun impresionante patrimonio natural e paisaxístico, un concepto, o da paisaxe, froito da interpretación histórica do contorno natural, rural ou urbano en clave cultural, o que nos define na nosa identidade como país”. Antonio Veiga explicou que “coa organización desta III Volta Ciclista ás Comarcas de Lugo queremos recoller para pór en valor conxuntamente as potencialidades dos nosos ciclistas e do noso territorio, facendo que o transcurso da competición ciclista sirva tamén para facer conscientes a propios e alleos dos valores do noso territorio e paisaxe, e que isto repercuta socieconomicamente na zona”.

A III Volta Ciclista ás Comarcas de Lugo disputarase o 28, 29 e 30 de maio, coas etapas Lugo-Lugo, Mondoñedo-Mondoñedo, e Monforte de Lemos-Monforte de Lemos, esta última de gran dificultade para os corredores xa que conta con varios portos de alta categoría. Os equipos participantes son, ademais do local Cidade de Lugo, os galegos do Chin Autronic de Vigo, Aluminios Cortizo de Padrón, Renault Caeiro de Cambre, Caixanova do Porriño e o Supermercados Froiz do Poio. Doutros países e rexións do estado español proveñen o Caja Rural do País Vasco, Azysa-Cetya-Conor de Navarra, Camargo-Ferroatlántica de Cantabria, Diputación de León (de León), o Ciudad de Oviedo e Construcciones Paulino de Asturias e o Inverse de Murcia, aos que hai que engadir o Maia de Portugal e o Lokomotiv ruso.

O presidente do Club Ciclista Cidade de Lugo, Eugenio Paz, agradeceu o esforzo que a Área de Deportes da Deputación fixo desde os seus inicios por poñer en marcha esta proba ciclista e o constante apoio, sobre todo neste ano, lembrou, no que moitas probas ciclistas por etapas tiveron que deixar de celebrarse pola baixada do apoio económico por mor da crise.

Exit mobile version