Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación asesorará a concellos da provincia na xestión medioambiental

LUGO .- A Deputación  asesorará ós Concellos da provincia na xestión medioambiental, trátase dunha nova liña de cooperación no campo da enxeñería ambiental, ordenación do medio natural e conservación da natureza.

Nota de Prensa

A Deputación  asesorará ós Concellos da provincia na xestión medioambiental

– Trátase dunha nova liña de cooperación coa que o organismo provincial resposta a unha necesidade que presentan moitas entidades locais no campo da enxeñería ambiental, ordenación do medio natural e conservación da natureza

– Asesoramento sobre a emisión de informes previos á concesión de licenzas de obra ou supervisión de proxectos de áreas recreativas, serán algunhas das cuestións que ofrece a Deputación dentro desta liña de actuación

O voceiro provincial socialista, Antonio Gato Soengas, anunciou este venres que a Deputación prestará unha nova asistencia técnica ós Concellos da provincia en materia de xestión medioambiental. Trátase dunha nova liña de cooperación coas entidades locais, que xurde da necesidade que moitos municipios presentan neste eido ó contar con poucos recursos e por non dispoñer de persoal cualificado en todo o que se refire á emisión de informes sobre incidencia medioambiental.

Gato Soengas sinalou que se enviará unha circular ós Concellos coa nova iniciativa da Deputación “porque esta é unha necesidade que constatamos que teñen. Entra dentro do novo xiro que lle demos á Área de Asistencia e Cooperación, tal e como se establece no Regulamento do servizo que aprobamos no Pleno de marzo de 2009. Esta nova percepción implica unha nova visión da provincia e, o que é máis importante, superamos o vello principio de xerarquía entre Concellos e provincias”.

Un dos obxectivos que se persegue con esta nova liña de actuación é cooperar e asesorar ós municipio no campo da enxeñería ambiental, ordenación do medio rural e conservación da natureza. Para iso, os técnicos dos departamento de Medio Ambiente da Deputación prestarán apoio ós Concellos nas seguintes cuestións: informes sobre incidencia medioambiental previos á concesión por parte dos Concellos da licenza de actividade daqueles proxectos, obras e instalacións e outras actividades que precisen deste permiso; asesoramento técnico nos trámites administrativos e supervisión de proxectos de áreas recreativas, parques biosaudables e infantís, rutas de sendeirismo, etc; e xestión con outras administracións públicas dentro do ámbito medioambiental como a Xunta de Galicia ou a Confederación Hidrográfica.

Asimesmo, se os Concellos o solicitan, dende a Deputación tamén se procederá á avaliación dos parques infantís urbáns co obxectivo de que estes se axusten á normativa existente respecto da regulación de seguridade e prevención que deben reunir estas instalacións e áreas de xogo, así como os seus equipamentos.

Antonio Gato tamén anunciou que a Federación Española de Municipios e Provincias vén de comunicar á Deputación que a Axencia Estatal de Administración Tributaria acepta a súa adhesión para colaborar no intercambio de información tributaria e colaboración coa xestión recadatoria. A Xunta de goberno aprobou en marzo esta proposta que permitirá prestar un servizo moito máis áxil e útil ós veciños.

Acordos da Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno aprobou a contratación de tres obras que a Deputación acometerá nos Concellos da provincia dentro do canon. Dúas delas levaranse a cabo no de Paradela. Suman 125.958 euros e inclúense dentro das anualidades 2008-2009. Son as seguintes: acceso de Cotiña a Monte Lagüela e rexeneracion do camiño de cruce Lagüela a Mazo, no límite con Sarria.

A terceira actuación corresponde ó Concello de Chantada. Trátase do acondicionamento do Camiño de Penasilla a Sillán e a Deputación. A institución provincial investirá nesta actuación, que se inclúe dentro da anualidade 2008, 67.645 euros.

En 2010 a Deputación seguirá acometendo obras nestes dous municipios e nos outros 14 que contan con produción hidroeléctrica, “por iso non entendemos a últimas declaracións dos Alcaldes do PP. Hai que pensar que o pago desta débeda histórica nin sequera entraba na axenda política deste partido cando gobernaba na Deputación. Foi este actual equipo de goberno quen cumpriu coa sentenza de Chantada, e asumiu o compromiso político co resto de municipios cos que non había unha obriga xudicial senón moral”.

As obras que a Deputación executa con cargo ó canon son previamente consensuadas cos Alcaldes. Neste senso, Gato Soengas salientou que “por exemplo, os rexedores de Pantón e Paradela aplaudiron estas actuacións. Isto amosa que o PP ten falta de liderazgo, ou dun interlocutor político válido xa que logo, en Pleno, o Partido Popular abstense á hora de apoiar un Plan que os seus Alcaldes queren e pactan coa Deputación. Sorpréndenos, e parécenos ridículo este cambio de parecer cando levamos o 99% das obras do canon correspondentes ás anualidades de 2008-2009 tramitadas. Senón queren algunhas das actuacións acordadas teñen un problema cos veciños”.

Tamén se deu o visto e prace a 10 contas xustificativas do Plan de Comunidades Veciñais de 2009. Suman un total de 85.376 euros, dos que a Deputación subvenciona 55.639. Pertencen ós Concellos de Alfoz, Barreiros, Lugo (3), Monforte de Lemos, Ribadeo (2), Samos e Cervantes.

Exit mobile version